Máis de 100 persoas participaron na VIII Marcha ás Cadeas

Unha imaxe da concentración perante a prisión de Aranjuez

Desta volta a organización corría a cargo da plataforma Que Voltem para a Casa.

Dous autocarros ateigados de activistas -solidari@s é o termo que está a empregar a plataforma- deslocáronse este sábado 18 de Xaneiro a Asturias e León -expedición norte- e Madrid (Estremera, Aranjuez) e Salamanca (Topas) -expedición sul- para, perante as prisións nas que se achan os presos independentistas galegos, exixiren o seu retorno a Galiza, isto é, a fin das políticas de dispersión.

A VIII Marcha das Cadeas produciuse sen calquer incidente e as e os activistas aderentes a ela portaron bandeiras patrióticas e simboloxía nacionalista e non desaproveitaron a oportunidade para, face os muros das prisións, entoaren cantos independentistas, ben como o Hino Nacional galego.

A marcha desenvolveuse co lema xenérico de Até que nom voltem eles iremos nós. Os presos independentistas cumpren condena após a Audiencia Nacional española ter sentenciado a súa pertenza a Resistencia Galega (embora eles, durante o xuízo, teñan recusado pertencer a calquer organización armada e teñan afirmado o seu compromiso coas vías exclusivamente pacíficas e democráticas).

O nacionalismo galego, quer o político quer o sindical, vén defendendo o fin da dispersión dos presos independentistas por considerar que a súa estancia fóra do país é unha conculcación dos seus direitos fundamentais, ao profundar o seu desarraigo social e tornar máis difícil a súa reinserción, obxectivo que debe ser prioritario en calquera política penitenciaria dun Estado democrático digno de tal nome.