Familiares e amizades dos 6 presos independentistas marchan até os cárceres

[Imaxe: GalizaContrainfo]

A plataforma Que voltem para a casa! organiza a oitava viaxe ás cadeas españolas onde os galegos fican submetidos á dispersión. A acción, mistura de solidariedade e de denuncia da política penitenciaria do Estado, realizarase o 18 de xaneiro.


"Non sabemos se os nosos berros darán transpasado os muros", dubida un mozo participante na última edición da marcha anual ás cadeas españolas onde fican submetid@s á dispersión pres@s galeg@s.

"O que maior impacto me está a provocar é ver esta viaxe desde o outro lado; ver o duro que é o desprazamento para xente que igual ten que o facer ao saír de traballar ou con cansanzo acumulado, para poder vernos só 40'", di Miguel Nicolás, quen, após ser detido en decembro de 2010, botou 16 meses en prisión sen ser xulgado. 

Os testemuños foron tirados da reportaxe que a plataforma de vídeo-activismo GalizaContrainfo realizou co gallo do sétimo percorrido polos cárceres do Estado onde había pres@s galeg@s detid@s. Este sábado, 18 de xaneiro, esta acción, mistura de solidariedade e de denuncia da política penitenciaria do Goberno español, chega á súa oitava edición, desta volta convocada pola plataforma cidadá Que voltem para a casa! Os presos a visitar son seis: Antom Santos, Roberto R. Fialhega, Eduardo Vigo, Xurxo R. Olveira, Carlos Calvo e Hadriam Mosquera. 

Lei antiterrorista, incomunicación, dispersión e FIES 3

"Queremos transmitirlles o noso apoio e solidariedade ademais de denunciar a vulneración sistemática dos seus dereitos dentro das prisións e a ilegalidade do réxime penitenciario de que son obxecto", din desde Que voltem. O ministerio de Interior aplica a lexislación antiterrorista a tod@s @s militantes independentistas no momento en que son detid@s, polo que poden botar até cinco días incomunicad@s.

Unha vez que se decreta o seu ingreso en prisión --preventiva, sen condena-- fican submetid@s a dispersión e enviad@s a cárceres fóra da Galiza, malia que o noso País conta con cinco centro penitenciarios. Dentro da prisión están clasificad@s en réxime FIES 3 --organización armada--, polo que só teñen dereito a unha hora de patio ao día e pasan as outras 23 na cela. 

Unha marcha desde o norte e outra desde o sul da Galiza

Para visibilizar a situación en que se atopan os seis independentistas presos, este ano a marcha ás cadeas dividirase en dúas. Unha que partirá desde o norte do País, desde Compostela, con paradas na Coruña, Ferrol, Lugo, Ribadeo e, por derradeiro, as prisións de Villabona (325km, Asturies) e de Mansilla de las Mulas (365km, León). Alá están presos Hadriam Mosquera 'Senlheiro' --un ano en prisión preventiva sen xuízo--, Xurxo R. Olveira --un ano e catro meses en prisión preventiva sen xuízo-- e Eduardo Vigo --xulgado após ano e medio en preventiva e condenado a 18 anos por pertenza a organización armada, falsificación de documentos e tenza de explosivos--. 

Do sul da Galiza arrincará outra marcha, desde Compostela, con paradas en Vigo, Porriño, Ponteareas, Ribadavia, Ourense, Xinzo da Limia e os penais de Estremera (665km, Madrid) e Aranjuez (570km, Madrid). Alá están presos Roberto R. Fialhega 'Teto' --xulgado após ano e medio en preventiva e condenado a 18 anos por pertenza a organización armada, falsificación de documentos e tenza de explosivos-- e Antom Santos --xulgado após ano e medio en preventiva e condenado a 10 anos por pertenza a organización armada e falsificación de documentos--. No camiño de volta á Galiza farán máis unha parada, en Topas (440km, Salamanca), onde se atopa Carlos Calvo --un ano e catro meses en prisión preventiva sen xuízo--.

A viaxe será totalmente de balde para as persoas que fagan parte dela. Con todo, Que voltem disponibiliza bonos-axuda para quen goste de colaborar cunha achega económica de 10€ para sufragas os gastos dos autobuses. Na organización da viaxe colaboran 13 centros sociais e as centrais sindicais CIG e CUT.