Un dos maiores polos de investigación en pesca da Galiza, fóra dos plans do Estado

O buque oceanográfico Ramón Margalef, xemelgo do Ángeles Alvariño, ten a súa sede en Vigo. (Foto: IEO).
A decisión do Ministerio de Innovación e Ciencia de trasladar as sedes permanentes de Pesca e Acuicultura do Instituto Español de Oceanografía (IEO) a Santander e Murcia priva a Galiza dun espazo central na descentralización do organismo público.

O Instituto Oceanográfico de Vigo é o maior dos oito centros cos que conta o IEO espallados por distintos territorios litorais do Estado. Fundado en 1917, mantén actividade nas tres áreas de investigación científico-técnica que centran o labor deste organismo público: pesca, acuicultura e medio mariño mais protección ambiental.

Desde que o Goberno do Estado avanzou a súa intención de descentralizar algunhas institucións "que non ten moito sentido que estean en Madrid", xustificou o outono pasado o presidente Pedro Sánchez, Vigo e Cádiz acapararon toda atención e interese como principais candidatas a ocupar un espazo central no futuro da entidade.

Mais o pasado 13 de abril, a ministra de Innovación e Ciencia, Diana Morant, anunciou que Santander acollerá a sede estatal de Pesca e que Murcia albergará a sede de Acuicultura. Deixou no aire a sede de Medio Mariño e Protección Ambiental, aínda por definir. Esta primeira repartición sorprendeu o sector do mar da Galiza, así como a organismos e Administracións que tras coñecer a decisión do Goberno urxen o Ministerio á "reconsideración" desa distribución.

Líder estatal en pesca

O Colexio de Biólogos da Galiza reivindica un repartimento "xusto e proporcional" á realidade pesqueira do país. Segundo reivindicou nun escrito dirixido á ministra Morant, "sendo Galiza líder estatal en pesca e acuicultura, con numerosos centros de investigación de referencia tanto nacionais, como autonómicos e sectoriais, debe acoller unha das sedes estatais do IEO". 

Con perto dun centro de persoas traballadoras, sobre todo persoal técnico e investigador de primeiro nivel, o IEO de Vigo concentra máis de 30% dos proxectos científicos da área de pesca da institución. Neste campo desenvolve unha decena de proxectos, entre os que destaca o programa para a prospección e avaliación de recursos pesqueiros mar adentro e novos recursos e o programa sobre a avaliación dos recursos pesqueiros do Atlántico Centro-Oriental. 

O IEO de Vigo é  un dos centros de referencia do Campus do Mar, un campus transfronteirizo onde máis de 3.000 investigadoras e investigadores de 25 institucións desenvolveron 6.000 proxectos no último lustro. Así, en comuñón co centro oceanográfico da Coruña, cos centros oceanográficos de Portugal e doutros territorios, traballa ao pé do mar, na zona de Cabo Estai-Canido, man a man co sector acuícola e pesqueiro galego, estratéxico para a economía e o emprego da Galiza con case 50% da frota pesqueira estatal e a maioría dos postos de traballo directos.

Unanimidade

O Parlamento galego acordou por unanimidade reclamar ao Goberno do Estado unha "rectificación" para situar na Galiza unha ou máis sedes permanentes do IEO. Xunta e Concello de Vigo tamén rexeitaron a decisión do Goberno español e urxen unha emenda que outorgue á Galiza un espazo central na descentralización do IEO. 

"Non negamos o dereito de Cantabria nin de Murcia", asegurou o alcalde Abel Caballero, mais reclamou que a sede de Vigo teña "o recoñecemento que merece". Na mesma liña, o secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, reivindicou unha descentralización "con contido e non aparente".

Desde o BNG, o deputado Néstor Rego salientou as "mellores condicións técnicas e científicas de Vigo" e da Galiza, "primeira potencia pesqueira do Estado". A deputada Carmela González, responsábel do BNG de Vigo, vai un paso máis aló e lembra unha vella demanda da súa formación aprobada no Parlamento en tres ocasións: a transferencia dos centros do IEO na Galiza ao Goberno galego. "É unha anomalía que o centro onde se debaten as políticas e se decide o destino da investigación e dun sector estratéxico para Galiza estea en Madrid, a 600 Km do mar". 

Sinala, ademais, a perda de autonomía e independencia operativa dos centros do IEO desde a súa integración no CSIC en xullo de 2020, que seguen sen resolver a súas dificultades financeiras e de mantemento, e sobre as que o persoal investigador garda silencio.