Maior equilibrio entre trimestres e 175 días lectivos: sindicatos reclaman á Xunta cambios no calendario escolar

Alumnado nun centro de ensino (Foto: Nós Diario).
Os sindicatos critican que o borrador proposto contemple "un desequilibrio" na duración dos tres trimestres: o primeiro, até Nadal, esténdese durante 70 días; o segundo, até Semana Santa, durante 65; e o terceiro, até o venres 20 de xuño, durante 43 días.

Sindicatos con presenza na mesa sectorial docente non universitaria manifestaron esta terza feira ante representantes da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades o seu malestar porque non hai unha "negociación real" sobre o calendario escolar do próximo curso 2024/25.

Polo momento, a Consellaría sostén que o calendario é un borrador e que, até a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), pode estar suxeito a cambios. O plan inicial é que as clases arrinquen o 11 de setembro e finalicen o 20 de xuño en Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Formación Profesional (FP). Nos ensinos de réxime especial, concluirán unha semana máis tarde: o 27 de xuño.

Os sindicatos critican que o borrador proposto contemple "un desequilibrio" na duración dos tres trimestres: o primeiro, até Nadal, esténdese durante 70 días; o segundo, até Semana Santa, durante 65; e o terceiro, até o venres 20 de xuño, durante 43 días. Para Segundo de Bacharelato, as avaliacións poden variar para axustarse ás datas da ABAU (avaliación de bacharelato para o acceso á universidade).

Ademais, as organizacións censuran que o plan supón un total de 176 días lectivos -en realidade son 178, mais réstanselle os dous festivos locais- e reclaman volver aos 175 porque é "o que obriga a Lomloe", segundo asegura CIG-Ensino. Todo iso a falta de coñecer o festivo autonómico que fixe a Xunta da Galiza para 2025, porque podería cadrar ou non durante o curso.

A CIG, sindicato maioritario na educación pública galega, propuxo na reunión que se blinden na orde as 175 xornadas e, se estas non se conseguen co festivo autonómico, que sexan os consellos escolares ou sociais dos propios centros os que poidan escoller outro día non lectivo.

Pola súa parte, CCOO denuncia que o borrador proposto pola Xunta sexa "clásico e tradicional", marcado polas vacacións relixiosas, o que provoca un "desequilibrio entre trimestres". Por tanto, lamenta que non se abriu " un debate" ao redor do modelo.

Ademais, ANPE Galiza, exixe á Consellaría "unha verdadeira negociación" sobre o calendario escolar e pide retirar como lectivo o 6 de marzo para conseguir os 175 días.

Período de adaptación

Un ano máis, volveu a suscitar protestas unánimes a proposta de incorporación gradual do alumnado de cuarto de Educación Infantil (3 anos), prevista até o 13 de setembro, é dicir, os tres primeiros días de curso, segundo o borrador da Xunta.

A CIG considera que se debe ampliar, polo menos, até o 20 de setembro, porque o período de adaptación "é unha necesidade do alumnado" e non debe verse condicionado "polas necesidades familiares". Neste sentido, CCOO e ANPE reclaman que se estenda durante todo o mes de setembro. "Non somos coidadores", aseveran.

Redución de horario lectivo

Cómpre lembrar que o próximo curso 2024/25 empezarase a aplicar o acordo alcanzado en outubro do ano pasado con CCOO, ANPE e UXT para reducir a 23 as horas semanais de clase en Infantil e Primaria.

A CIG-Ensino, que non asinou este acordo porque non supuña a recuperación do horario previo a 2011, propuxo así mesmo recuperar o horario reducido de catro horas nos meses de xuño e setembro, como hai máis dunha década.

Noutra orde de asuntos, CCOO e ANPE propuxeron estender máis aló da data fixada do 20 de setembro a posibilidade de entregar as programacións anuais, tendo en conta que o profesorado "aínda non terá tempo" de coñecer ao seu alumnado e, ademais, desde este curso contan cunha nova aplicación informática para subir estes documentos.

Comisión do plan de igualdade

Outro dos puntos do día da mesa sectorial foi o inicio da elaboración do plan de igualdade para todo o profesorado. Así, acordouse a composición da comisión negociadora, que reserva oito asentos para a Consellaría e outros tantos para os sindicatos en función da súa representatividade: catro postos para a CIG, dúas para CCOO, un para ANPE e outro para UXT. En principio, a primeira reunión da comisión que elaborará o plan prevese para a volta de Semana Santa.