A maior concentración de chuvia no tempo, principal desafío climático

Campo de millo seco. (Foto: Santi Alvite).
O 17 de xuño conmemórase o día internacional de loita contra a desertificación e a seca.

A concentración das precipitacións anuais en períodos de tempo cada vez máis curtos é un dos desafíos climáticos actuais máis importantes.

As chuvias son cada vez máis irregulares, e segundo o informe 'Evolución das precipitacións en España' presentado hai dous anos polo Observatorio da Sostibilidade a partir dos datos recollidos pola Axencia estatal de Meteoroloxía entre 1965 e 2018, as previsións apuntan unha consolidación desta distribución irregular, combinada cunha redución xeneralizada das precipitacións "que será moi grave no cuadrante noroeste".

Por territorios, este mesmo informe constata xa "unha forte diminución" das chuvias na Galiza e nas Illas canarias entre 1981 e 2018 que sitúa as Rías Baixas nos primeiros postos dese descenso acumulado.

O estudo responde a unha tripla conxunción de seca meteorolóxica, seca hidrolóxica e seca agronómica que urxe tomar medidas. Desde o punto de vista ecolóxico, conclúe, malia que as precipitacións permaneceron mais ou menos constantes no tempo no conxunto do Estado, "un importante incremento das temperaturas" fai prever unha diminución da auga circulante para os ecosistemas e para a poboación. De cara ao futuro, haberá que actuar para asegurar o abastecemento de auga nun contexto de grande "incerteza" no que o quecemento global e  a maior concentración das precipitacións prognostican unha menor dispoñibilidade de auga real.

Secas máis duradeiras

Para o investigador da USC Dominic Royé, "o problema non é tanto a cantidade de chuvia total senón como se distribúe no tempo. Tamén no espazo, pero sobre todo no tempo". Se, de súpeto, se perden as precipitación regulares habituais coas que conta o medio natural, a agricultura e a poboación en xeral "é un problema", sobre todo se no canto desa regularidade o que cae "é unha chuvia intensa e concentrada". 

Dominic Royé acaba de ser recoñecido co galardón 'Roser Majoral Moliné' ao mellor artigo en revistas científicas de Xeografía estranxeiras. O texto recolle a investigación na que Royé aborda a predición de períodos de seca a través de modelos matemáticos a canda Robert Monjo Agut, da Universidad Complutense de Madrid, e Javier Martín Vide, da Universitat de Barcelona.

A investigación premiada viu a luz na revista europea Earth System Science Data. Analiza o comportamento de todos os períodos sen chuvia dende 1979 ata 2016. "Observamos os períodos de seca a diferentes escalas de temporais para describir a partir do comportamento fractal da chuvia -fractal é un obxecto xeométrico cuxa estrutura básica se repite a diferentes escalas- como son as rachas de seca en alternancia con rachas de precipitacións", explica.
O estudo apunta varias  combinación posíbeis de secas curtas, medias e longas con intervalos de chuvia curtas ou longas. 

Na Galiza predominan as rachas secas medias con interrupcións longas de períodos chuviosos, mais o quecemento global pode acelerar a transición cara secas de duración media alternas con evento húmidos de curta duración. É a tendencia que apuntan xa algúns estudos e que compre saber xestionar, di Dominic Royé. "Unha precipitación intensa en pouco tempo ten efectos en termos de erosión e manexo dos recursos hídricos".

"Agora dispoñemos dun modelo matemático máis robusto e fiábel para observar cambios e ver que vai pasar no futuro, conclúe Royé.