Parlamento

A Xunta responsabiliza os Concellos do control das perdas de auga

O anteproxecto da Lei garantía do abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario continuará o seu trámite tras superar o debate no Pleno do Parlamento desta terza feira. Os consorcios locais terán tres anos para reducir as perdas de auga a 20% dous para elaborar plans que fagan fronte á seca. A oposición acusa a Xunta de “botar balóns fora”.

[Imaxe: M.O.] Encoro de Eiras
photo_camera [Imaxe: M.O.] Encoro de Eiras

En novembro de 2017 saltaban as alarmas na Galiza. O ano máis seco da historia desembocou en restricións no consumo de auga nos municipios das comarcas da Coruña e Vigo, con limitacións do subministro ás industrias. Esta terza feira, case un ano despois, a Xunta de Galiza vén de presentar no Pleno do Parlamento o anteproxecto da Lei garantía do abastecemento. A normativa pon o foco nas perdas das redes de abastecemento galegas, que nalgúns municipios chegan a 40%. O obxectivo é reducilas a 20% nun prazo de tres anos. Tanto o Grupo Común de Esquerda como o Bloque Nacionalista Galego e o Grupo Mixto presentaron enmendas de devolución ao anteproxecto, que foron rexeitadas co voto negativo do PPdeG e a abstención do PSdG. 

Para lograr o obxectivo marcado pola Xunta os consorcios locais deben realizar unha auditoría das súas redes de abastecemento, durante o prazo de dous anos, para identificar posíbeis fugas. Teñen un terceiro para actuar sobre elas. A maiores, os Concellos deberán redactar, nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor da lei, un plan de emerxencia ante a seca. A folla de ruta debe incluír a descrición ou diagnóstico do sistema de abastecemento, a identificación das áreas máis vulnerábeis e actividades estratéxicas, un sistema de indicadores para prever os escenarios de risco con anticipación e alternativas para garantir o abastecemento en caso de seca.

De non alcanzarse a meta proposta pola Xunta, a lei prevé a imposición dun imposto disuasorio, cuxa recadación destinarase á renovación das redes de saneamento. A normativa promoverá a diferenciación de tramos de consumo nas tarifas municipais polo subministro da auga, desbotando os mínimos exentos “que desincentiven o consumo responsábel”.

A Plan Xeral de Abastecemento da Xunta, pendente

As axudas que propón a Xunta para os concellos inclúen o financiamento de contadores de caudal con cargo dos orzamentos de 2020, así como unha liña de axudas aos concellos de máis de 20.000 habitantes. Aqueles cun censo menor dependerán da colaboración das Deputacións. Os grupos da oposición cargaron contra a normativa, sinalando que responsabiliza os concellos dunha problemática que abrangue o conxunto da Galiza.

O grupo socialista calificou, en verbas do deputado Luís Álvarez, de "é necesaria" a normativa, pero tamén de "mellorábel. O deputado reprochou a falta de implementación do pacto local da auga, cuxo protocolo foi asinado en 2013, e que Augas de Galicia deixase de executar "111 millóns" nos últimos tres anos. Marcos Cal, do Grupo Común de Esquerda, pediu á Xunta que "deixe de cargar contra os concellos as consecuencias da irracionalidade do seu modelo privatizador".

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará sinalou que a Xunta é a responsábel da auga da Galiza “desde 2009”. Bará destacou que o Plan Xeral de Abastecemento da Xunta de Galiza, que conta con 500.000 euros adxudicados, fica por desenvolver. “Queren que os Concellos fagan os plans de emerxencia, pero non marcaron os criterios xerais”, reprochou ao Goberno. Davide Rodríguez, do Grupo Mixto, lamentou que a normativa deixase de lado aspectos como a preservación dos ecosistemas fluviais.

Comentarios