Responsábel da marca Acontravento, cuxas prendas seguen o lema "Roupa ao noso xeito"

Macua: "O proxecto é algo para gañar a vida e tamén unha ferramenta de transformación social"

O deseño que une a serea de Castelao e a portada da revista 'Nós' é dos máis populares de Macua. (Foto: Nós Diario)
Acontravento é o nome dunha marca comercial de deseño e galego, da que é artífice un rapaz da Guarda que se coñece polo apelido, Macua. Os seus produtos, reza na propia web, “vinculan o local co global” tratando de reivindicar “a nosa identidade dun modo actual e contemporáneo”. Un proxecto que naceu en xullo de 2019 e que, con menos dun ano, tivo que atravesar a crise da Covid-19 e do confinamento. Conversamos con Macua sobre a súa marca, os seus obxectivos e os seus valores.

Como definiría vostede o proxecto Acontravento?
É unha empresa que fai deseño galego e de carácter reivindicativo, combativo. Todos os modelos están inspirados na nosa realidade, en elementos moi diversos, inspírome en escritores, en deseñadores, no mundo  do traballo, en problemáticas sociais e políticas...

E tamén busco concienciar desde unha óptica soberanista e de esquerdas. É un proxecto para gañar a vida pero que tamén entendo como unha ferramenta de transformación social e de intervención política. 

Que balance fai deste ano e medio de negocio?
Foi todo bastante convulso. A Covid-19 trastocou un pouco a estratexia de negocio que tiña. Empecei en 2019 pero combinándoo con outro traballo até xaneiro de 2020.

Naquel momento deixeino para centrarme ao cento por cento en Acontravento, porque o meu obxectivo era traballar na tenda en liña e compatibilizala movéndome polo país facendo eventos, festivais, mercados, feiras...

Contaba que aí era onde ía ter a principal fonte de ingresos pero coa pandemia e co confinamento e as consecuencias posteriores, iso desapareceu. Así que quedei só coa posibilidade de dar saída aos meus produtos a través da venda en liña.

E a base de moito sacrificio e horas de dedicación conseguín difundir o proxecto e chegar a un público bastante amplo. Agora a empresa está consolidada e estou a conseguir, de forma bastante humilde, vivir dela... así que o balance é positivo, considerando como se deron as cousas.

Se vende unicamente en liña, será importante o traballo nas redes sociais.
Si, a plataforma principal que teño de divulgación do proxecto e de porta de entrada a tenda online son as redes sociais.

A forma de traballar implica moitas horas e moita dedicación e, ademais do que son os contidos da propia marca, tamén traballo outro tipo de informacións que poidan espertar interese no público, que o fagan interactuar e que me sirvan para divulgar e difundir, falar algo do deseño e crear experiencia, crear relato.

Por exemplo, fago moito contido de cuestións históricas e sociais, é o caso da sexta feira, foi o aniversario de Castelao, así que publiquei unha cita del para conmemorar a data.

Ademais do que é o contido da marca busco outros que permitan transcender para lograr difusión e tamén co obxectivo de concienciar a xente e utilizar Acontravento como ferramenta de concienciación social e política.

Fálenos dos seus produtos. Cal é a estrela da marca?  
Principalmente traballo o téxtil, camisolas, suadoiros, sacas e mochilas. E como produtos secundarias teño láminas, cuncas... O meu obxectivo é ir pouco a pouco ampliando a gama de produtos.

No mundo do deseño e da moda todo é moi volátil e sempre o que ten máis acollida adoita ser o máis novidoso e é difícil facer que un deseño que se manteña estábel no tempo.

Pero creo que o deseño de “Denantes mortos”, onde combino dous debuxos de Castelao, a serea e a portada da revista Nós, pode ser un dos produtos estrela. E logo tamén o que teño do poema “A xustiza pola man”, de Rosalía, que leva algo de verso libre no deseño. 

Como afronta 2021?
Confío en que sexa mellor que 2020 pero de momento sitúome no escenario de que as posibilidades de traballo sexan as mesmas. Neste inicio de ano estou a organizar, a definir ben os obxectivos e a preparar novos produtos. Agora estou con novos deseños e conforme os teña madurados e concibidos verei sobre que soportes os plasmo.