A lei estabelece 200 metros de distancia e está a 70

Unha macrogranxa ameaza valiosos petróglifos na Ulloa

Mapa elaborado por activistas culturais da Ulloa coa localización da granxa e das estacións rupestres.

A construción dunha macrogranxa avícola no camiño da aldea do Seixo (parroquia de Santa Cristina de Areas, Antas de Ulla) ameaza unha importante estación de petróglifos na serra do Farelo. Os cimentos do criadeiro están a 70 metros do xacemento arqueolóxico. A lei, porén, estabelece unha contorna de protección para este tipo de patrimonio cunha franxa de anchura de 200 metros.
 

As estacións rupestres da aba do Farelo, na bisbarra da Ulloa, fan parte do inventario arqueolóxico da Dirección Xeral de Patrimonio. Daquela, atópanse baixo a protección do artigo 38 do segundo capítulo da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza. Este apartado, relativo aos contornos de protección subsidiarios, decreta unha franxa de anchura “medida desde o elemento máis exterior do ben que se protexe”. “200 metros en bens integrantes do patrimonio arqueolóxico”, concreta a norma.

Segundo as medicións realizadas no lugar por activistas culturais da zona, “a cimentación do edificio do macrocriadeiro avícola está a 70 metros”. A maiores, explican, “o desmonte e o movemento de terra xa é enorme. E aínda non están trazados os accesos nin as plataformas para camións ou para silos”. A obra realízase nunha parcela privada que, hai décadas, era monte comunal.

 

O proxecto, xa en fase de construción, está próximo a catro conxuntos de petróglifos que figuran no catálogo da Xunta. Son -entre parénteses, o número de rexistro-, na Pena das Pías, o petróglifo 9 do campo da Uz (GA27003056); na Cruz do Seixo, o petróglifo 12 do Campo da Uz (GA 27003081); e as estacións E10 (GA27003080) e E11 (GA27003058). É a respecto destes dous últimos que incumpre a lei.

 

A enorme riqueza arqueolóxica do espazo -entre os de maior densidade de petróglifos de toda Galiza, con 213 estacións rexistradas- xa sufriu ataques no pasado sen que o Goberno galego reaccionase, malia denuncias da veciñanza. Activistas lembran outra granxa, esta de porcos, e o despezamento dunhas mámoas.

 

O Instituto de Estudos Ulloáns vén de remitir unha carta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta en que explica a situación e pon a disposición da autoridade competente “toda a documentación recollida”. A maiores, solicita “a urxente investigación dos feitos, a inmediata paralización da obra e a restitución do nivel do terreo orixinal”.

 

Nota: imaxe de petróglifos no monte Farelo. É de ospendellos.blogspot.com.