Mabel Míguez, investigadora: "Viralizar unha noticia falsa é sinxelo cando tes milleiros de persoas dispostas a difundila"

O profesor Alberto Dafonte, á esquerda, e a profesora Mabel Míguez, á dereita (Foto: Duvi)
Un proxecto da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo estuda como facer viral a loita contra as noticias falsas. Alberto Dafonte e Mabel Míguez analizan a relevancia da actividade de verificación de datos. A iniciativa atópase entre os proxectos de I+D+i  do Ministerio de Ciencia e facilitará recursos didácticos para a alfabetización dixital da cidadanía.

Sábese a intencionalidade que hai tras unha nova falsa?

Non se pode estabelecer unha causa única, depende do ámbito. Hai veces que hai unha intencionalidade política mais outra é de grupos que teñen determinados intereses que queren promover pola súa forma de pensar. Un caso sería o que acontece agora mesmo co colectivo antivacinas. Teñen unha idea determinada e neste contexto de pandemia tiran de redes sociais para difundir embustes. As intencionalidades son diversas mais todas elas resultan moi prexudiciais, sobre todo a longo prazo.

O noso estudo está nunha fase inicial e non estamos abordando aínda as temáticas que tratan. Comezamos polos verificadores de datos que tenta desmentilos. 

Como verifican que unha nova é falsa?

Hai diferentes metodoloxías que empregan contando cun equipo de persoas que axudan neste labor. Contamos cunha parte que é traballo informático, con ferramentas que permiten localizar noticias que se repiten con características semellantes en diferentes medios. Iso fai sospeitar que a nova pode non ser verídica. Logo, hai un traballo de rastrexo manual dos verificadores que seguen a actualidade e detectan aqueles temas que son especialmente relevantes e nos que se teñen datos que determinen esa verificación.

De que maneira se viraliza unha nova falsa?

Viralízase dunha maneira moi sinxela. A cuestión está en lanzala no maior número de canles posíbeis. O propio efecto chamativo que teñen fai relativamente sinxela a súa viralización. Hai que ter en conta que dicir unha mentira é moi fácil. Construír un relato que sexa ficticio é moi sinxelo e, normalmente, cando tes milleiros de persoas dispostas a difundilo, como acontece co exemplo dos antivacinas, é moi doado chegar a moita poboación.

Pola contra, os desmentidos son moito máis complicados de viralizar porque requiren dunha argumentación, de datos, de ofrecer toda a información que permite demostrar que aquilo que outras persoas dixeron é mentira. Son mensaxes máis complexas é este é un dos grandes problemas.    

Que propoñen facer para detectar unha noticia falsa?

É fundamental que os verificadores de datos incrementen a súa capacidade de comunicación. No proxecto estudaremos que estratexias se realizan e cales funcionan mellor para poder achegarse a un maior número da poboación. Tamén hai unha necesidade importante de formar a poboación para que identifique a desinformación, que sexa capaz de saber que unha noticia ten posibilidades de ser falsa ou non. Coido que este traballo debería comezar desde a escola, no ensino secundario. 

As novas falsas difúndense en maior medida a través das redes sociais e hai unha porcentaxe ampla da poboación que non son nativos dixitais e que están aínda máis expostos que o resto a estas mentiras. Non diferencian ben as fontes fiábeis das que non o son.

Que papel xogan os medios de comunicación? 

Hai un debate moi intenso sobre o seu papel por contar coa presunción de que son independentes e obxectivos. Isto non sempre é así e ás veces son os propios medios de comunicación os que difunden rumores e embustes.

Hai outros que xa puxeron en marcha os seus departamentos de verificación de datos. Non se debería publicar nunca unha noticia que non fose verificada con anterioridade, é un traballo que deberían interiorizar. Dispoñan ou non dunha sección específica sobre este tema deberían asumilo como o seu labor habitual de traballo.