A Garda Civil di que persegue noticias falsas para minimizar o clima contrario ao Goberno

O xefe do Estado Maior da Garda Civil afirmou que, na loita contra as noticias falsas, traballan "para minimizar" as críticas contra a xestión do Goberno español; e o ministro Grande-Marlaska emendouno asegurando que se tratou dun "lapsus". 
 
El jefe del Estado Mayor de la Guardia Civil, José Manuel Santiago Marín
photo_camera O xefe do Estado Maior da Garda Civil, José Manuel Santiago Marín (Imaxe: Moncloa)

O xefe do Estado Maior da Garda Civil, o xeneral José Manuel Santiago, destacou que, na loita contra as noticias falsas que se difunden principalmente por redes sociais, traballan para minimizar "o clima contrario" ao Goberno español pola súa xestión da crise xerada ante a pandemia provocada pola COVID-19.

A Garda Civil traballa en dúas frontes, dixo o xeneral en rolda de prensa este domingo 19 de abril. "Por unha banda, evitar a tensión social que producen as noticias falsas e, por outro, minimizar o clima contrario á xestión” da crise polo Goberno. "Todas estas noticias falasas tratámolas de desmentir polas nosas redes sociais", dixo.

"Se é así como dixo, trátase dun lapsus do xeneral", afirmou o ministro de Interior Fernando Grande-Marlaska na súa comparecencia pública após a rolda de prensa do xeneral, ao ser preguntado polos medios a este respecto.

"Descoñezo o que puido manifestar porque estaba na reunión da conferencia de presidentes. Se esas son as expresións que proferiu, debeu ser un lapsus do xeneral ao contestar", afirmou o ministro.

"O Estado de Alarma non cambia nin modifica nada e as noticias falsas son aquelas que teñen un contido absolutamente falso e a súa vontade non é outra que causar dunha forma enganosa e indebida unha grande alarma social con risco obxectivo para a orde pública. E aí non entra para nada a crítica", puntualizou Marlaska.

Comentarios