Obituario

Morre Xosé Anxo Cuba

Xosé Anxo Cuba

Faleceu unha figura fundamental sen a cal sería imposíbel contarmos a historia do nacionalismo -sindical e político- en Lugo ao longo das últimas décadas. Eis a seguir un obituario na memoria de Xosé Anxo Cuba.

Era nervio, acción, esixencia pero tamén comprensión, temperanza e ponderación. Fixo parte dunha xeración que só sabía militar a tempo completo e puxo a súa vida ao servizo dos ideais. Sendo moi novo, eran os días en que estaba nacendo o sindicalismo nacionalista na cidade de Lugo, foi expulsado do seu posto de traballo por liderar un conflito en beneficio dos máis. Sometido a unha dura persecución por parte daquel patrón influínte que vía nel un impedimento para aumentar o lucro, fecháronselle ás portas doutras empresas da cidade que non podían tolerar un obreiro digno. Seguiu firme, non dobrou e continuou adiante no labor de mobilizar traballadores, organizar clase, criar conciencia e facer sindicato nalgúns dos momentos máis complicados do que foi a INTG.

 

Xosé Anxo Cuba explica algúns dos capítulos máis decisivos da xeira contemporánea do nacionalismo na Barbanza. Desprazado canda Pascuala a Ribeira, traballou no sector das artes gráficas, empregándose a fondo na reorganización do nacionalismo na comarca, ferido após os sucesos políticos que seguiron a 1981. Non deu descanso, xunto a Mariano Vidal, Daniel Vispo, Mariña Ferrer ou Pascuala Dorado, dedicouse a construír, a unir os máis, a recuperar os outros, volvéndolle o pulo organizativo e a iniciativa política ao nacente BNG. Secretario de zona da UPG nas Rías, aquela área que se alongaba desde Ribeira até Cee, foi, ao tempo, o secretario comarcal da INTG e posteriormente da CIG, sentando as bases do que hoxe é o vizoso sindicalismo nacionalista na zona, vinculándose para sempre o seu nome ás grandes loitas sindicais libradas na zona na segunda metade dos oitenta e nos primeiros noventa.

 

Xosé Anxo Cuba explica algúns dos capítulos máis decisivos da xeira contemporánea do nacionalismo na Barbanza

 

Foi un dos motores da expansión do nacionalismo naquel Lugo de finais dos noventa. De novo na cidade amurallada, outra vez canda Pascuala e tamén con Alba e Roi, desenvolveuse como ferraxeiro autónomo de feira en feira pero na memoria dos máis ficará como unha das persoas do Bloque na comarca. Concelleiro de mercados na cidade, coincidindo co primeiro goberno bipartito do BNG e do PSOE, responsábel comarcal do BNG e liberado da organización, lembrámolo con Suso de Navia ou Milucho montando, así dicían eles, candidaturas das municipais ao longo da provincia, organizando asembleas locais, participando en consellos locais ou comarcais do BNG ou debatendo nos comités de zona da UPG. Unha vez, coñecémolo en Mazaricos en 1992 nun momento delicado para o nacionalismo na comarca de Muros Noia, díxonos que só era un militante nacionalista, o tempo confirmóunolo.  

 

Sempre estivo aí por iso nunca nos afaremos a vivir sen el. Lembrarémolo cando volvamos a Lugo ao local da rúa Miguel de Cervantes, cando pasemos por diante de Pérez Constanti, cando camiñemos a carón do entrechán da INTG da avenida de Lugo ou cando acudamos á antiga sala de reprografía da Facultade de Psicoloxía. Só tiña 62 anos, aínda que coñecedores da súa doenza de tempo, ficáballe moita forza para seguir pelexando, achegarnos a súa opinión, suxerirnos propostas de actuación e pedirnos un tabaco para partillar as agachadas. Esta quinta feira estaremos con el, ás 17:00 no tanatorio lugués das Gándaras, para acompañalo, para abrazar a Pascuala, a Alba e Roi e para seguir camiñando a súa beira.