Un médico do PAC de Pontevedra, obrigado a atender a 106 pacientes durante 14 horas pola falta de persoal

Manifestación do BNG en Caldas de Reis pola Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)
O Goberno local de Pontevedra aprobou unha iniciativa para instar a Xunta a que mellore a Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.

Un sanitario do Punto de Asistencia Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra, tivo que atender a 106 pacientes este domingo e efectuar 5 saídas a domicilios debido a falta de persoal neste centro sanitario.

O doutor en cuestión relatou a súa experiencia a medios locais. No PAC da Parda adoitan traballar tres facultativos, mais este domingo 6 de febreiro só estaba presente un deles. Nas 14 hotas que durou a súa garda, atendeu a 106 persoas e efectuou 5 saídas para atender a pacientes a domicilio. Durante esas saídas, o centro quedou sen ningún médico.

O sanitario recoñeceu que esta situaciñon provocou o malestar entre algunhas das persoas que se atopaban na sala de espera do PAC, o que provocou algún momento de tensión entre estas e o facultativo.

Nas redes sociais, varios usuarios destacaron o estado no que o doutor detallou o acontecido. "Di que quere deixar o traballo", sinalou unha persoa que  escoitou o vivido por este sanitario.

Piden mellorar a atención en Pontevedra

O ocorrido no PAC da Parda é "unha máis" das situacións de precariedade e falta de persoal que teñen lugar nos centros sanitarios de Pontevedra, segundo critica o Goberno local.

Neste sentido, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na segunda feira unha iniciativa para instar o Executivo galego a que mellore a atención sanitaria nos centros de saúde do concello.

A voceira do Goberno local, Anabel, Gulías, subliñou que a Xerencia da área sanitaria e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) teñen a obriga de tomar medidas "inmediatas" para garantir o persoal necesario na Atención Primaria.

Precisamente na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés, no concello de Caldas de Reis, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) convocou unha manifestación para denunciar a situación asistencial na comarca do Umia.