Luz verde a un novo 'macroeólico' de Greenalia

Mapa coas poligonais dos tres parques eólicos delimitadas, os seus aeroxeradores e a subestación de Campelo (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
A Xunta autoriza o parque eólico Bustelo, ao carón dos aeroxeradores —actualmente en fase de tramitación— de Campelo e Monte Toural, cos que compartiría infraestruturas.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu esta semana o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo, sito nos concellos de Coristanco e Carballo e promovido por Greenalia SA, un documento asinado pola directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría.

O proxecto consta de dez aeroxeradores que sumarán unha potencia total instalada de 45 megawatts (MW). Con todo, cómpre salientar que o devandito parque canalizaría a enerxía xerada, segundo figura na documentación presentada ante o Goberno galego, a través da subestación do parque eólico Campelo, cuxas poligonais quedarían solapadas xunto coa do parque Monte Toural —que accedería á mesma estrutura de evacuación—, ambos os dous actualmente en fase de tramitación e tamén promovidos por Greenalia.

Os tres complexos eólicos compartirán, así mesmo, parte das gabias do cableado. Este posíbel caso de "fragmentación artificiosa" dos tres proxectos, que no seu conxunto sumarían 23 turbinas e unha potencia total de 103,5 MW —polo que deberían ser tramitados a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco)—, foi denunciada por diversos colectivos ecoloxistas coma Petón do Lobo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ou a Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural.

De feito, a propia empresa recoñece nos documentos achegados que "unha vez en funcionamento pódense producir efectos globais sobre a atmosfera —ruído—, fauna e paisaxe", mais isto non impediu que recibisen cadansúa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel por parte da dirección xeral de Calidade Ambiental.

Aliás, os tres parques foron declarados polo Consello da Xunta de "interese especial", o que implica a tramitación prioritaria e a redución dos prazos administrativos e de avaliación ambiental, e de "utilidade pública", polo que se decreta a "necesidade urxente de ocupación" dos terreos afectados pola vía da expropiación.

En declaracións recentes a Nós Diario por un caso semellante no complexo eólico do Alto da Croa —Vimianzo—, Greenalia defendera que, ao estaren sometidos a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, "a máis exixente", tense en consideración o impacto dos eólicos "no seu conxunto".

A empresa enerxética tamén alegara que "non existe ningunha limitación a compartir infraestruturas", a pesar de que a Xustiza tombase en novembro de 2020 os parques eólicos Sasdónigas e Sasdónigas Fase II por compartiren as infraestruturas de evacuación, "supondo a posíbel fragmentación unha práctica fraudulenta cando se pretende evitar unha avaliación ambiental axeitada e conxunta dos proxectos fragmentados".

Afeccións do parque eólico

Segundo recoñece a DIA do parque eólico Bustelo, na súa contorna "poderían existir cinco especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA)", unha delas, o mazarico real, en perigo de extinción, mais a Xunta argumenta que "dita catalogación só afecta á poboación nidificante da provincia de Lugo". Tamén se rexistrou outra ave vulnerábel, a tartaraña cincenta, e tres anfibios coa mesma categoría: a ra patilonga, a ra vermella e a ra arbórea.

Así mesmo, veríanse afectadas tres zonas húmidas e, de forma "severa", cinco elementos do patrimonio cultural: un túmulo, dous achados paleolíticos e dous topónimos. Cómpre salientar que a asociación Petón do Lobo xa pedira o pasado ano a nulidade da DIA por "non avaliar os impactos no lobo e os seus hábitats".