Luz verde á instalación de paneis solares en encoros

Exemplo de placas fotovoltaicas flotantes. (Foto: Nós Diario)
O Consello da Auga abre a porta á fotovoltaica flotante.

O Consello da Auga —organismo consultivo da Administración estatal en materia hidráulica— aprobou varias propostas de modificación do regulamento do dominio público hidráulico, para a instalación de paneis fotovoltaicos en localizacións como encoros.

A reunión deste órgano consultivo, que foi inaugurada pola vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, durou máis de oito horas.

A pesar do resultado favorábel na votación aos informes, ONG ambientalistas e os regantes (asociacións de agricultores) coincidiron na reunión en criticar o proceso de tramitación destes cambios normativos e acusaron o Goberno de Pedro Sánchez de dar "pouco tempo" á audiencia pública.

Aínda non está claro se se instalará nos encoros da Galiza este tipo de paneis solares.

De todos os modos, a compañía Endesa, xa está a impulsar este tipo de fotovoltaica en Portugal, máis concretamente no encoro de Alto Rabagão, localizado perto das localidades galegas de Xinzo de Limia e Verín.

Endesa conseguiu a adxudicación deste proxecto após unha subasta convocada polo Goberno portugués que, ao igual que o Executivo español, pretende impulsar a instalación desta nova tecnoloxía en máis encoros do seu territorio.

Endesa e o seu negocio na Galiza

Na Galiza, a compañía Endesa alzouse como o cuarto operador eólico e conta cunha potencia instalada total de 262 megawatts e 13 parques operativos. A sociedade ten o seu enderezo fiscal en Madrid e é propiedade de Enel, compañía enerxética italiana de capital público, que controla 70% das accións de Endesa.