Luz verde da USC a unhas contas que ascenden a 314 millóns para o 2024

O Consello de Goberno da USC aprobou os orzamentos de 2024. (Foto: Santi Alvite)
A institución constitúe os institutos de Humanidades e Psicoloxía

O orzamento da USC para o vindeiro ano ascende a 314,43 millóns de euros cun incremento con respecto ao presente exercicio do 9,22%. As contas aprobadas esta cuarta feira no Consello de Goberno da USC parten das liñas xerais aprobadas previamente no Claustro a finais do pasado mes de novembro co lema "Cumprindo compromisos, pensando no futuro" e desenvolveranse en base a "unha estratexia que conecte as partes co todo".

Neste senso, tendo en conta os recursos propios, así como os xestionados pola USC, a Fundación Rof Codina, o Cisug, o Citmaga, Cursos Internacionais e a Fundación Dieta Atlántica, o orzamento total da USC ascenderá a algo máis de 336 millóns de euros

Entre os obxectivos da institución salienta a vontade de "crear unha USC máis sustentábel, sostíbel e eficiente, con maior proxección social e inserción no tecido social". 

Novos institutos

A USC incorporará dous novos institutos universitarios logo da aprobación do de Humanidades e do de Psicoloxía nesta xuntanza do Consello de Goberno decorrida onte. No caso do Instituto de Humanidades (iHUS), constitúese como unha "contorna de excelencia para a investigación interdisciplinar no eido das Humanidades nucleado ao redor dunha axenda científica estratéxica compartida". O novo instituto da USC preséntase como "un espazo atractivo e creativo para o desenvolvemento da carreira científica en Humanidades". 

En canto ao Instituto de Investigación en Psicoloxía (IPsiUS), a súa finalidade será "desenvolver investigación básica e aplicada para coñecer, explicar e predicir os procesos cognitivos, afectivos e sociais que sustentan o comportamento do ser humano".