O Inventario Forestal da Galiza achega á cidadanía os seus primeiros mapas

Fraga de castiñeiros na Ribeira Sacra (Foto: EP).
A Consellería de Medio Rural informou de que traballa xunto á  Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza nun portal web que permitirá navegar polos planos, acceder á información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos.

A Consellería de Medio Rural puxo ao dispor da cidadanía, no seu portal web, os primeiros mapas e informes do Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG). En concreto, poden consultarse os mapas de usos da cuberta para os concellos de Carral e Abegondo, Alfoz, Laza e Oia.

Trátase dunha serie de mapas forestais creados mediante o uso de imaxes de satélite de diferente resolución e os datos capturados polas brigadas de campo. Cabe destacar que estes labores enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela coa Consellería do Medio Rural.

Así, a Universidade de Vigo complementa esta información con mapas de dispoñibilidade do recurso, incorporando variábeis como a forma, a superficie ou a pendente da parcela e mesmo a súa distancia a pistas e estradas, como posibles condicionantes na xestión dos bosques.

Pola súa banda, USC presentou uns informes detallados dos resultados obtidos no inventario piloto da rede base de parcelas forestais que se mediron ao longo do ano 2021 por brigadas forestais.

O obxectivo deste avance de contidos é mostrar ás principais organizacións que compoñen o sector forestal galego e a todas as persoas interesadas a información que se pretende xerar para toda a superficie forestal da Galiza.

Ademais, trátase tamén de recoller a súa opinión e de incorporar melloras ou cambios froito do que remitan estas entidades.

Novidades no portal web

Así mesmo, a Consellería de Medio Rural informou de que traballa xunto á  Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza nun portal web que permitirá navegar polos mapas, acceder á información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos.

A Xunta destacou que este Inventario é un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal da Galiza e avanzar así nunha mellora da súa xestión.

Deste modo, "trátase dun mecanismo que permite facer diagnósticos adecuados e que constitúe unha ferramenta para a toma de decisións políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector, que permitirá profundar no desenvolvemento sostible do medio rural, a favor da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificábel", apuntan desde Medio Rural.

Desde a UVigo, pola súa parte, engaden que para este traballo estase a empregar tanto imaxes do satélite WorldView, "o que implica traballar con 19.000 millóns de píxels no mapa de toda Galiza”, como as xeradas polos satélites Sentinel da Axencia Espacial Europea. O obxectivo, din, é desenvolver algoritmos que permitan "automatizar" a interpretación destas imaxes, de tal forma que sexan capaces de identificar unha serie de variábeis, como a especie presente en cada superficie, á vez que ir actualizando a información ao longo dos anos.