Stop Eólicos Celanova presenta as súas alegacións á central alemá prevista en Verea

Aeroxeradores no PE Vieiro, e á esquera o Monte da Casa da Neve onde se proxecta outro polígono. (Foto: Plataforma veciñal Celanova-O Xurés)

A 24 horas de finalizar o prazo de alegacións "nin a Consellería de Economía nin a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galiza responderon aínda á denuncia da plataforma de que se están vulnerando dereitos fundamentais e impedindo o proceso de participación pública", dado que a empresa presentou parte da documentación en inglés, unha lingua non oficial na Galiza.

A Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova presentou onte o seu modelo de alegacións ao proxecto empresarial comandado pola enerxética alemá Bay Wa para construír unha centra eólica en "os lugares primitivos da fundación de Celanova, sen catalogar" e próxima a aldeas de Verea.

A 24 horas de finalizar o prazo de alegacións "nin a Consellería de Economía nin a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galiza responderon aínda á denuncia da plataforma de que se están vulnerando dereitos fundamentais e impedindo o proceso de participación pública", dado que a empresa presentou parte da documentación en inglés, unha lingua non oficial na Galiza.

Segundo explican nun comunicado, o modelo de alegacións presentado pode descargarse directamente dunha web para o seu rexistro telemático ou presencial, e está elaborado en base ás alegacións achegadas por Petón do Lobo e por Adega, e coa participación de membros da plataforma.

A plataforma enumera tamén no comunicado os 10 motivos para que os veciños de Celanova e Verea se opoñan ao proxecto de Bay Wa de empezar as obras da central que, segundo destacan, en Baviera, onde ten a súa sede a empresa, "non se podería construír".

Así, aseguran que se están producindo unha fragmentación "artificiosa" para "menoscabar as garantías inherentes aos procedementos de avaliación", impedindo a avaliación ambiental do conxunto dos proxectos; que falta unha avaliación ambiental estratéxica da planificación eólica na Galiza; e que se "engana" a través da complexidade técnico-xurídica dos documentos, que dificulta a participación nos procedementos.

Denuncian tamén o carácter "estritamente mercantil e a ausencia de utilidade pública do proxecto"; a afección "severa" e prexuízos "irreparábeis" para a paisaxe e o patrimonio cultural, así como para a vexetación, os hábitats naturais, a flora e a avifauna.

Por último, alertan do impacto do ruído ambiental causado por aeroxeradores nos procesos cognitivos, cunhas distancias ás poboacións prohibidas en Alemaña; e do freo á consolidación e futura ampliación dos espazos protexidos, "con dinámicas de deterioración do territorio e perda de poboación".