Sete lumes calcinan 725 hectáreas na Galiza e cinco deles avanzan sen control

Dous bombeiros arrefrían os restos dun lume en Lugo en agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Medio Rural indica que foron controlados os focos rexistrados nos concellos de Cuntis e Quiroga. As lapas afectaron a maior superficie nunha parroquia de Vilar de Barrio

Na Galiza había, a media tarde de hoxe, sete grandes incendios forestais activos e cinco deles avanzan aínda sen que os equipos de emerxencia os deran controlado. O último dato que se facilitou até o momento é que estes lumes levan calcinadas máis de 800 hectáreas de monte.

Os datos facilitados pola Consellaría de Medio Rural indican que o incendio máis grande é o rexistrado na parroquia de Rebordechau, na localidade de Vilar de Barrio. Este comezou onte ás 12.00 horas e nel traballan nove axentes, 27 brigadas, 14 motobombas, dúas pas como gran maquinaria, dous helicópteros e 14 hidroavións.

Polo de agora as lapas arrasaron xa 350 hectáreas e o foco segue sen control. As altas temperaturas rexistradas hoxe por toda a nazón non axudan a que a situación mellore. De feito, a BRIF informa a través da súa conta de Twitter de que está preto do "remolino" e que alí a calor é "practicamente inaguantábel".

O outro punto que máis preocupaba aos equipos de emerxencia, que están a traballar arreo en todas as frontes, era A Gudiña (até que os lumes comezaron a ameazar á poboación en Cualedro e Rairiz de Veiga a última hora desta tarde) onde xa desapareceron 120 hectáreas verdes. O lume, que ten "unha evolución favorábel", declarouse na parroquia de Pentes.

Para porlle coto están sobre o terreo un técnico, seis axentes, 14 brigadas, nove motobombas e varios medios aéreos.

Na parroquia de Sabuguido, en Vilariño de Conso, tamén se deixa notar o avance indiscriminado das lapas. Estímase que xa van 80 hectáreas calcinadas desde que se tivo noticia do sucedido arredor das 02.22 horas desta madrugada. Alí hai, agora, dous axentes, sete brigadas, catro motobombas e oito helicópteros, entre outros medios de loita contra os lumes.

Precisamente a BRIF da zona informou de que a estas horas está a aplicar un "contralume de lume técnico" para intentar que a fronte non avance contra núcleos residenciais.

Tamén Lobios, na zona de Río Caldo, está a padecer esta lacra. En concreto, a área afectada (75 hectáreas e o espazo segue aumentando) está dentro do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. Desplegáronse na zona outrros catro helicóptteros e tres avións, así como 14 brigadas e cinco motobombas.

O persoal contraincendios falaba nas redes sociais de que está "totalmente fóra da capacidade de extinción". O certo é que os vídeos das lapas que están circulando por internet son sorprendentes pola súa virulencia.

O último dos focos de máis de 20 hectáreas (aqueles dos que informa a Consellaría de Medio Rural aos medios) localízase en Laza, na zona de Camba. Xa levan ardido 40 hectareas. Ao lugar desprazáronse dez brigadas con tres motobombas.

Incendios estábeis

As mesmas fontes da Xunta afirman que o lume de Cuntis deuse estabilizado esta madrugada. No entanto, arderon 25 hectáreas de terreos forestais. Para o contrrol do lume foron precisas 30 brigadas e 13 motobombas. 

Por último, o declarado o venres no municipio de Quiroga está activo pero estábel desde as 20.30 horas de onte. As últimas estimacións cifran en 53 hectáreas a superficie queimada.