Medio Rural activa a alerta pola proximidade do lume a núcleos habitados

Imaxe de arquivo dun hidroavión participando na extinción dun lume na Galiza. (Foto: Europa Press)
A Xunta vén de solicitar a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para actuar nos lumes activos nos concellos de Rairiz de Veiga e Cualedro.

A Consellaría do Medio Rural vén de activar a alerta de nivel 2 pola proximidade do lume a núcleos habitados nos incendios que continúan activos nos municipios de Cualedro e Rairiz de Veiga.

A Xunta demandou, nos dous casos, a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que tamén está operativa no Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, no municipio de Lobios, colaborando nas labores de control e extinción doutro foco.

Malia que Rairiz de Veiga non é dun dos concellos onde están os lumes máis grandes e descontrolados, Medio Rural tivo que facer a advertencia polo risco que corren a veciñanza e as vivendas do núcleo de Guillamil.

A superficie forestal danada afecta xa, segundo as primeiras estimacións do equipo técnico, a máis de 20 hectáreas, que é o espazo queimado a partir do cal o Goberno do país facilita datos aos medios de comunicación.

No caso do lume activo en Cualedro, o terreo vaise queimando en dirección ao núcleo de Carzoá. De momento, estase a calcinar parte do monte da parroquia de Montes.

Nun primeiro momento a consellaría aínda non aclarara canta superficie estaba afectada neste incendio, pero finalmente remitiu outra información na que fala de máis de 150 hectáreas.

Máis alo destes dous sinistros, existen outros sete incendios activos en comarcas próximas. Dous deles están estabilizados pero o resto seguen avanzando a pesar da gran cantidade de medios que están intentando apagalos.

As imaxes que foron aparecendo nas redes sociais ao longo da tarde dan unha idea do nivel de perigosidade que están a padecer tanto as e os brigadistas como a veciñanza.

O máis grave é o de Vilar de Barrio, onde o lume xa arrasou máis de 400 hectáreas.