"Lumes no Courel Nunca Máis": Adega chama a concentrarse en apoio á veciñanza dos concellos afectados

Incendio no Barco de Valdeorras. (Foto: Europa Press)
Os incendios deixan na Galiza 13.800 hectáreas calcinadas polo de agora.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) convocou para esta terza feira unha concentración en apoio da veciñanza dos concellos da zona do Courel que están a verse afectados pola vaga de incendios que comezou no país a pasada quinta feira.

Así, Adega chama a concentrarse ás 20 horas diante do Multiusos da Xunta da Galiza en Lugo, e diante da Casa de Chocolate, na sede da Xunta en Ourense.

Segundo recolle o propio cartaz difundido pola asociación ecoloxista, as persoas asistentes concentraranse "pola defensa efectiva desta xoia natural única na Galiza".

Neste sentido, Adega lamentou nas súas redes sociais que non existan "políticas que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas e recuperen usos tradicionais dos montes, que contribúen a fixar poboación e a afastar os lumes".

13.800 hectáreas calcinadas

vaga de incendios que afecta estes días á Galiza, nomeadamente nas comarcas do interior, arrasou xa case 13.800 hectáreas de terreo, segundo o parte facilitado pola Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 19.15 horas da segunda feira.

Destes incendios, dous, os máis grandes, continúan activos e avanzan a gran velocidade alimentados polos terreos secos, o vento e as temperaturas elevadas, xa que se sitúan nas únicas zonas da Galiza que aínda permanecen en alerta por altas temperaturas: o interior das montañas de Valdeorras e O Courel.

En concreto, o lume orixinado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Riodolas, calcinou xa 4.600 hectáreas, segundo a información da Xunta. Após aproximarse o domingo ao núcleo do Barco, avanza agora en dirección a Sobradelo, Rubiá e Biobra, nas proximidades do parque da Serra da Enciña da Lastra.

Por outra parte, arderon xa unhas 4.500 hectáreas de terreo noutro incendio de grandes dimensións resultado da unión de varios lumes rexistrados no Courel, concretamente en Folgoso A Pobra do Brollón