O lume queimou nunha semana a mesma superficie que nos últimos catro anos

Folgoso do Courel é un dos concellos máis afectados polas chamas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As chamas non dan tregua no monte galego, axexado por unha quincena de focos activos ao feche desta edición e que xa calcinaron case 30.000 hectáreas, segundo os satélites da UE. As brigadas forestais non dan abasto e sinalan directamente o Goberno galego como responsábel de que "medio país arda sen control".

Os incendios avanzan sen control na Galiza e no imaxinario popular xorde unha tráxica reminiscencia: a vaga de lumes que en outubro de 2017 arrasou perto de 35.500 hectáreas nunha semana, nun ano no que, en total, arderon máis de 62.000, segundo a información achegada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ao feche desta edición, e con base nos últimos datos provisionais da Consellaría do Medio Rural, a superficie queimada desde a pasada quinta feira nos montes galegos, principalmente no Courel e Valdeorras, superaba xa as 29.300 hectáreas. Esta cifra é practicamente idéntica porción do territorio galego calcinado en conxunto nos catro anos anteriores: 4.371 hectáreas en 2021, 14.823 en 2020, 6.835 en 2019 e 2.599 en 2018. Cómpre lembrar que hai menos de dous meses a Xunta da Galiza marcara como obxectivo que ardesen menos de 16.000 hectáreas ao longo de todo o 2022.

Na noite desta cuarta feira quedaba unha quincena de lumes activos no conxunto da Galiza, o maior deles o orixinado en Carballeda de Valdeorras e que chegou ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra, con 10.500 hectáreas de terreo queimado. É unha cifra moi semellante  á afectada no 'macroincendio' de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón —10.000—, que ten até catro focos diferentes. Outro foco activo tamén en Folgoso levou por diante 1.100 hectáreas.

Por mor destes lumes activouse a 'situación 2' de emerxencia nas parroquias de Vilamor e Seceda (Folgoso do Courel), Saa (A Pobra do Brollón) e Riodolas (Carballeda de Valdeorras), dada a proximidade das chamas ás vivendas destes núcleos. En Oímbra, aliás, arderon máis de 1.800 hectáreas, duplicando o seu tamaño un día despois de cruzar a fronteira desde Portugal.

Falta de medios

Outro dos incendios que máis preocupan é o que afecta o parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, onde xa se queimaron arredor de 4.000 hectáreas. A este respecto, persoal das brigadas forestais sinala a Nós Diario que, após queimar "50%" da superficie do lugar, "queren deixalo para mandarnos a outro lume distinto".

Os brigadistas consultados apuntan que a cidadanía galega "ten que se dar conta de quen ten a responsabilidade total e absoluta de que estea a arder medio país sen control", unha situación que exemplifican na falta de profesionais sobre o terreo: "A Xunta non ten medios porque aínda non teñen contrato os brigadistas de pé a estas alturas do verán, e a metade das brigadas helitransportadas aínda están a facer o curso de preparación".

No que atinxe ás súas condicións laborais, alertan de que están a facer "xornadas de doce horas". "Só nos dan un bocadillo e déixannos a catro persoas para enfrontarnos a centos e centos de hectáreas", precisan. Con base no último balance publicado por Medio Rural, esta cuarta feira había uns 1.600 efectivos -contando brigadas, helicópteros, motobombas e outros medios— combatendo o lume dos 7.000 que, segundo apuntaba o pasado 14 de xullo o presidente galego, Alfonso Rueda, ten en nómina a Xunta.

Ante a falta de efectivos, a veciñanza bótase ao monte a defender as súas vivendas. Na parroquia de Folgoso, no concello homónimo, 25 veciños tentaron controlar o lume coa única axuda dun brigadista con motobomba. "O Courel ardeu xa moitas veces ao longo dos anos e nunca faltaran tantos medios como os que están a faltar agora", relata a este xornal.

Miles de animais mortos

Un cuarto de millón. Ese é o número de animais que, segundo estima a ONG Fundación Franz Weber, morreron na última semana calcinados polo lume. A entidade fai esta estimación con base nos modelos preditivos da Universidade de Sidney (Australia), que calculan que en cada hectárea conviven entre dez e quince individuos de especies de mamíferos, invertebrados, aves e outros pequenos seres vivos.

Manifestacións nas cidades

A sociedade galega está convocada esta quinta feira nas sete cidades galegas —ás 20 horas; 20.30h en Ourense— a participar das manifestacións organizadas polo Comité en Defensa do Monte Galego, que cuestiona o "desleixo" e "incompetencia" da Xunta, "que abandonou as súas obrigas ao non ter os medios materiais, técnicos e humanos precisos por non ter realizado os traballos de prevención".

As críticas ao Executivo de Rueda chegan tamén desde o Colexio de Xornalistas da Galiza, que denuncia que a comunicación que está a realizar da vaga de lumes a Consellaría do Medio Rural "afástase do mínimo que sería desexábel á hora de abordar un asunto tan relevante para a sociedade" e "dificulta o traballo xornalístico".