O lume destrúe o monte e os petróglifos de Villestro

Un incendio o 27 e 28 de agosto calcinou o terreo e tamén a área arqueolóxica da Devesa da Rula atinxida tamén pola maquinaria que traballou na extinción do lume. 

O Colectivo A Rula denunciou a destrución das 13 estacións de petróglifos situadas na parroquia de Vilestro no Concello de Compostela. Os prexuízos foron causados por un incendio que se presume intencionado. 

A área arqueolóxica da Devesa da Rula estaba composta por dez petróglifos da Portela de Villestro, dúas laxes dos Cortellos e a do Monte San Miguel que ficaron destruídas polas lapas, segundo comunicou o Colectivo A Rula. Outra, situada na paraxe do Agro do Campo resultou danada pola maquinaria que foi despregada na zona. 

Todas as pezas foran comunicadas previamente, para a súa catalogación, á Xunta de Galiza e o propio Concello de Compostela. No entanto, sinalan, "pensamos que aínda seguen sen catalogar por parte das administracións competentes". 

Desde o colectivo sinalan que o desenvolvemento dos traballos de extinción e de protección das vivendas --que ocasionaron os danos-- evidencian que "non tiveron en conta en ningún momento o patrimonio arqueolóxico da zona. Imaxinamos que non tiñan constancia destes xacementos, unha evidencia da desconexión informativa entre os diferentes departamentos da Xunta de Galiza". 

Neste senso, sinalan que "debemos ter en conta que tanto os labores preventivos como os de extinción realizados por este tipo de maquinarias sen control previo destas áreas arqueolóxicas poden causar máis danos no patrimonio ca os propios incendios forestais". Así as cousas, afirman que a Dirección Xeral de Patrimonio actuou con celeridade enviando o 3 de agosto "un arqueólogo especialista neste eido para avaliar os posibles danos". O profesional foi acompañado por integrantes do Colectivo A Rula pois levan "máis de dous anos denunciando a falla de conservación do patrimonio arqueolóxico desta zona de monte onde a maioría das estacións estaban cubertas pola vexetación xa que sabiamos que máis tarde ou máis cedo isto ía acontecer". 

Así, solicitaron "medidas preventivas no seu día" mais que "non foron atendidas nin por parte de Patrimonio, nin moito menos por parte do Concello de Compostela. De feito, levamos agardando dende decembro unha reunión prometida co equipo de goberno municipal para falar sobre este tema".