Arde o sur do país

[Imaxe Cristina Saíz / PontevedraViva]

[ÚLTIMA ACTUALIZACIÓN 19:18H]  Activos tres novos incendios, un en Soutomaior, outro en Padrón e outro en Cee mentres se mantén o de Cotobade desde hai 24 horas.

Desde a xornada de onte os montes galegos estiveron a arder con intensidade. Dous dos incendios forestais que aínda permanecen activos son os das parroquias de Tenorio, no Concello de Cotobade e o da de Saiar, no Monte Xiabre, en Caldas de Reis

Segundo os dados fornecidos pola Xunta de Galiza até o momento arderon máis de 800 hectáreas. A proximidade do lume ás vivendas de Castro de Agudín (Vilagarcía) e Vilanova obrigou a Xunta de Galiza a decretar o nivel 2 que arestora só se mantén en Cotobade.

En Caldas, o incendio forestal comezou por volta das 15:51h.da segunda feira e no seu control traballaban, de acordo co parte ofrecido pola Consellaría de Medio Rural 1 técnico, 5 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións e atópase estabilizado. Asemade, a Xunta desactivou a situación 2 polo afastamento das lapas das vivendas. Até o momento queimáronse 290 hectáreas

Pola súa banda, o de Cotobade, cuxa orixe se sitúa ás 17:20h atópanse operativos 2 técnicos, 19 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 6 pas, 15 helicópteros e 3 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Arderon xa 360 hectáreas. Mantense o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas ás vivendas de VIlanova. 

 

Soutomaior, Padrón e Cee

Na tarde da terza feira (9 de agosto) iniciáronse senllos lumes forestais en Soutomaior --onde a cifra provisional de monte ardido se sitúa en 15 hectáreas e a Xunta enviou dous helicópteros e un hidroavión-- e en Padrón. En ambos os dous casos foi decretado o nivel 2 de risco pola proximidade das lapas ás vivendas. 

En Cee Medio Rural deu conta dun incendio forestal que tería atinxido alomenos 20 hectáreas na parroquia de Ameixenda.

 

Mondariz e Ribeira

Non foron os únicos lumes acontecidos onte. Por volta da 1.30h da madrugada o servizo de alerta da Xunta (085) informaba dun lume na parroquia de Queimadelos, en Mondariz, que supera xa as 160 hectáreas ardidas. Tamén no lugar de Cumiar e A Coutada. Por volta das 10:35h foi desactivado o nivel 2 e está estabilizado. 

Na xornada de onte tamén ardeu a parroquia de Carreira, en Ribeira. O incendio forestal foi controlado por volta das 14h após 70 hectáreas ardidas, das que 26 se atopaban dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Así as cousas, a destrución deste espazo natural foi maior por mor doutro lume orixinado na parroquia de Oliveira e que atinxiu 13 hectáreas máis. 

Desde o inicio da campaña de alto risco, o 30 de xuño, superanse as máis de 1.500 hectáreas ardidas na Galiza.