Máis de 700 hectáreas ardidas desde o inicio da campaña de alto risco

[Imaxe de arquivo]

Desde o 30 de xuño o 085 informou dunha ducia de incendios forestais na Galiza. O maior aconteceu en Monterrei e queimou 170 hectáreas. 

Galiza arde no verán aínda que con menor intensidade que outros anos malia as altas temperaturas e a falta de chuvias. Segundo a información difundida pola Consellaría de Medio Rural através do 085 --o servizo de alerta de incendios-- contabilizáronse por volta de 12 lumes desde o 30 de xuño, data na que deu comezo a campaña de alto risco, e máis de 700 hectáreas ardidas. 

Nas últimas horas rexistráronse senllos incendios forestais na parroquia de Carreira (RIbeira) e na de Leiro (Rianxo) con 20 hectáreas e 30 ha. respectivamente queimadas. 

Contabilizáronse por volta de 12 lumes desde o 30 de xuño, data na que deu comezo a campaña de alto risco

O maior lume até o momento acontecido no país rexistrouse en Vilaza, Monterrei o 27 de xullo. Nel arderon 170,32 hectáreas segundo as cifras fornecidas pola Xunta. Porén, esta parroquia xa se vira atinxida por un incendio forestal con anterioridade, no concretoo 22 de xullo cando foran queimadas 130 hectáreas. 

Para alén diso, o 18 de xullo foron evacuadas 5 persoas feridas dun lume rexistrado en Ribas de Sil no que arderon 18 hectáreas. 

A calor dos últimos días, que se prolongará durante a xornada de hoxe mais que pouco a pouco irá reducindo as temperaturas, sitúa a maior parte do país --agás algúns puntos do litoral norte-- en alerta vermella por risco de incendios.