CIG denuncia o desmantelamento do servizo público contra incendios forestais

Afirma que o PP apostou en prescindir da prevención porque ten un custo elevado “e non é un bo negocio para as empresas privadas”.

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o Goberno de Feijóo mantense no desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Dende o inicio do mandato de Núñez Feijóo, afirma o sindicato, decidiu prescindir da prevención porque ten un custo elevado “e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas”.

Lembran que durante anos o persoal das brigadas helitransportadas pertencía á administración autonómica e contaba con experiencia e preparación para combater os incendios forestais na primeira liña de lume. Mais nos últimos anos a tendencia é facer a contratación mediante empresa privada, relegando as bases da Xunta á mínima expresión.

Este ano as brigadas helitransportadas que aumentaron en relación ao ano pasado tamén serán da empresa privada, “na que non hai ningunha garantía da profesionalidade do persoal, contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade”.