Galiza está hoxe en risco extremo de incendios forestais

Un voraz incendio en Monforte centra a preocupación nunha xornada de lumes na Galiza avivados polo nordés

Monforte. Foto: @incendiosgalic1

O incendio orixinado na parroquia de Seoane (Monforte) obrigou cortar vías de comunicación e evacuar varias persoas de Vide. En pouco máis de 4 horas queimou 350 hectáreas. O outro foco de preocupación está en Porto do Son.

Xornada de incendios na Galiza, avivados polo forte vento do nordés. Se a primeira hora desta quinta feira a preocupación centrábase no lume de Porto do Son, pola tarde esta focábase en Monforte, onde en apenas catro horas as lapas queimaron 450 hectáreas. En ambos os dous casos, a proximidade a vivendas é o principal factor de treocupación. En Monforte evacuáronse veciños de Vide. 

Un incendio orixinado ás seis da madrugada desta quinta feira na parroquia de Miñortos (Porto do Son) arrasou xa, ás 15:00 horas, 80 hectáreas e obriga a empregarse a fondo ao operativo de extinción. O lume avanza rapidamente e sen control. Tal e como informa a Radio Galega, desde Protección Civil advirten que as lapas achéganse ao núcleo de Mótega, polo que “advertimos que ante o perigo deben abandonar as casas”. Desde a Xunta solicitaron a intervención da UME, Unidade Militar de Emerxencias, para facer fronte a este incendio. Varios medios aéreos combaten o lume. Son varios os focos que nestas últimas horas atacaron a Barbanza en municipios como Boiro, Noia ou Porto do Son. O forte vento está a dificultar as tarefas de extinción. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, afirmou esta quinta feira, na comparecencia após o Consello da Xunta, que o seu goberno está "preocupado" polo incendio en Porto do Son. Iniciouse ás 6,15 horas da madrugada. A esa hora non é accidental, senón interesado", manifestou.

Tamén en Monforte hai un incendio que xera preocupación. Orixinouse na parroquia de Seoane e está próximo ao casco urbano e que é visíbel desde quilómetros de distancia pola gran columna de fume. Xa queimou 150 hectáreas e obrigou cortar dúas vías: o corredor a Chantada e a estrada vella a Escairón.

 

 

Aliás, o incendio que se mantén activo en Cenlle obrigou na mañá desta quinta feira a cortar ao tráfico un carril da autovía A-52. O incendio orixinouse na parroquia de Barca de Barbantes. As altas temperaturas que se rexistran na Galiza, e moi nomeadamente no sur do país, nestes días e a presenza de forte vento fan que se extremen as medidas perante o perigo de lume forestal. Este incendio, e o de Lobios, queimaron xa 70 hectáreas. 

A maior parte da Galiza está hoxe en risco extremo de incendios forestal. Só A Mariña zafa desta cualificación. Para establecer este risco téñense en conta factores como a situación meteorolóxica, o estado da biomasa vexetal, das infraestruturas preventivas das masas arbóreas e do chan.