O verán de...

Luís Iglesia: "Gustaríame poder abrir algunhas mentes"

O actor riotortego, Luís Iglesia (Foto: AAAG).
Entrevistamos o actor Luís Iglesia para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual no persoal e no profesional.
Resistindo. Actualmente estou con teatro e para máis adiante temos cousas pensadas para televisión. 

—Se tivese que escoller un papel que teña interpretado cal sería?
Vou contestar polo que me di a xente, tería que escoller o papel de Matalobos. Foi un rol que me marcou profundamente.

—Espera poder seguir vivindo da interpretación?
Si, hai quen di que o máis complicado é comezar, eu son máis da idea de que o verdadeiramente difícil é manterse. Eu levo 35 anos manténdome polo que podemos dicir que son un supervivente nato.

—Como lle gusta gozar dos días de verán?
Teño a fortuna de vivir na Coruña que é un dos mellores sitios do mundo. Poucos sitios mellores se me ocorren para pasar o verán. Tamén estamos indo con bastante frecuencia ao meu concello natal, Riotorto.

—Se puidese ter un superpoder, cal sería?
A capacidade de abrir algunhas mentes.

—Praia ou piscina?
Praia.

—A súa praia preferida?
Calquera das praias galegas. Tería que escoller unha para cada momento concreto.

—A onde nunca iría de vacacións?
Non volvería a algúns sitios a onde xa fun como a illa Margarita. Os sitios que son tremendamente turísticos e que non teñen moito máis ca iso non me chaman moito.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Teño ido a moitos sitios moi lonxe, mais se tivese que destacar unha soa, sería unha moi sinxela que fixen ao Porto coa miña familia. É un sitio que coñezo de sobra mais viaxar ás veces ten a ver máis coa compañía que co lugar.

—Recoméndenos un libro.
A garza en chamas. Unha compilación dos gañadores do certame Manuel Murguía 2019-2921.

—E unha serie?
Rapa, compañeiras e compañeiros benqueridos, detrás e diante das cámaras facendo un gran traballo.