O Goberno de Lugo critica a Xunta por delegar nos concellos as multas pola normativa covid após dúas sentenzas

Comisaría da Policía Local de Lugo. (Foto: Nós Diario)
O Concello asegura que para facer fronte á xestión administrativa das multas por normativa covid viuse na obriga de modificar fai un ano o contrato en vigor "para incrementar o cometido da empresa que presta colaboración na xestión administrativa e recadación de multas".

As dúas sentenzas que anulan as multas do Concello de Lugo por incumprir as normativas relacionadas coa pandemia da Covid-19 demostran que a Xunta da Galiza se trabucou ao delegar nas Administracións locais para xestionar as sancións froito das restricións, defendeu onte o Goberno municipal.

Nun comunicado, o Executivo local que encabeza a rexedora Lara Méndez sinala que os fallos, do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, "reafirman" a postura mantida polo Goberno lucense "desde o primeiro momento nesta materia".

"Un aspecto que lle trasladamos á propia Xunta, xa en decembro de 2020, cando lle remitimos o informe coas actas levantadas pola Policía Local até ese momento por infraccións á lei galega de Saúde, advertíndolle que aínda estando habilitado un dispositivo para tramitalas, non concordábamos col dítame emitido polo Consello Consultivo, ao entender que a titularidade era da Administración galega, como así o entendía tamén a asesoría xurídica municipal", sinalou o tenente da alcaldía, Miguel Fernández.

Ao tempo, salienta que xa transmitiran en decembro de 2020 á Xunta que “non concordábamos co ditame emitido polo Consello Consultivo”, e acusa o Executivo de “derivación indebida de funcións” nos Concellos, amais de impor obrigas "sen achegar ningún tipo de recurso", resolven.

Consecuencias da medida

O Goberno lucense asegura que para facer fronte á xestión administrativa das multas por normativa covid viuse na obriga de modificar fai un ano o contrato en vigor "para incrementar o cometido da empresa que presta colaboración na xestión administrativa e recadación de multas".

Cifran o custe desta medida en 58.080 euros anuais, a razón de 40 euros por cada boletín ou acta tramitada, e estiman nun millar as sancións por incumprimentos entre xuño de 2020 e febreiro de 2021, momento no que foi modificada a lei galega de Saúde.

Aseguran que, de todas estas, só se presentaron "unha ducia de recursos". Para elas, o Goberno local entende que a sentenza que anula as sancións por ser expedidas por unha administración non competente (a local) sentará precedente; pero non así para o resto das multas.

"Atendendo a este factor, o percorrido económico do ditame será, por tanto, escaso”, mais “non podemos esquecer que aos concellos actuar con responsabilidade e someternos ás consideracións do Consello Consultivo ocasionaranos, ademais, ter que repercutirlle ás arcas municipais os gastos derivados das custas procesuais", concluíu Fernández.