Lugo retira as axudas públicas ás raíñas das festas

Concello de Lugo [Imaxe Wikipedia]

O Pleno municipal aprobou por unanimidade unha proposición presentada polo grupo municipal do BNG que suprime as subvencións a "actos sexistas". 

O Concello de Lugo deixará de conceder subvencións a aquelas festas que conteñan "actos sexistas" como a escolla de raíñas nas celebracións patronais. A decisión foi adoptada por parde do Pleno muncicipal e de maneira unánime após unha proposición presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). 

Segundo a concelleira nacionalista, Maite Ferreiro, este tipo de actos son contrarios ás políticas de igualdade que promove o goberno local dirixido pola socialista Lara Méndez. 

Festas da Milagrosa

Neste senso, lembrou o acontecido recentemente nas festas dun barrio da cidade no que a propia alcaldesa deu leitura ao pregón e no que crianzas eran proclamadas como raíñas da festividade.

Recentemente o BNG abandonou o pregón nas festas da Milagrosa onde se elixiran crianzas como raíñas das festas

Ambas as dúas persoas representantes do Bloque na localidade abandonaron o acto após comunicar á organización que non farían parte de eventos que incluísen este tipo de "actos sexistas". "O BNG non participa nen é cómplice da utilización da imaxe das mulleres como reclamo ou obxecto decorativo", asegurou a concelleira nacionalista durante a sesión plenaria. 

Todos os grupos políticos con representación no concello (PP, PSOE, Lugo Novo e ACE) apoiaron a medida que deberá ser concretada de maneira administrativa polo executivo local. 

Nos últimos anos o rexeitamento popular a este tipo de actividades provocou a súa progresiva desaparición porén, aínda se manteñen nalgúns lugares como o Barrio da Milagrosa de Lugo que suscitou o debate político na cidade amurallada.