Quebra o modelo de concesión privada e prácticas oligopolistas

Lugo perde 48 liñas de transporte de viaxeiros por estrada

Estación de auto-carros de Lugo.

A provincia de Lugo non interesa ás empresas de transporte interurbano por estradas. A sentenza de marzo de 2016 que anulaba a polémica decisión da Xunta de Galiza de prorrogar as concesións das liñas de trasporte por estrada está ser aproveitada polos empresarios do sector para desfacerse daqueles traxectos menos rendíbeis.

Os grandes prexudicados desta situación son os núcleos rurais, as áreas da provincia onde máis mingua a poboación, casualmente aqueles que máis demandan este servizo por contar cunha veciñanza máis avellentada e, por suposto, aquelas zonas máis excéntricas das grandes concentracións urbanas ou vilegas. Ao fin, este novo escenario non fai máis que agudizar os problema de despoboación e de desequilibrio territorial, afondando aínda máis as fendas entre as áreas rurais e vilegas, pero tamén entre a Galiza atlántica e interior. 

Os números deixan poucas dúbidas da magnitude do problema, ficando Lugo sen 63% das liñas de transporte interurbano por estradas. Até 48 son as liñas que desaparecen, con especial incidencia nas zonas da Ribeira Sacra, A Montaña e a Terra Chá, pero coa práctica totalidade da provincia afectada. Así na zona sur desaparecen entre outras a liña Lugo-Monforte-Santiago de Compostela, a Monforte-Taboada por Ferreira de Pantón ou Escairón ou Monforte-O Incio. Outro tanto acontece na zona centro, coa liña Lugo-Sarria por Portomarín, Lugo-Vilalba por Castro Riberas de Lea e Feira do Monte ou a Lugo-Fonsagrada por Baralla. A Mariña ve desaparecer entre outras a Lugo-Viveiro, a Lugo- Ribadeo ou a Ribadeo-Viveiro por Barreiros,Foz, Burela, Cervo e Xove ou as liñas interprovinciais a Santiago e A Coruña.

Até 48 son as liñas que desaparecen, con especial incidencia nas zonas da Ribeira Sacra, A Montaña e a Terra Chá

Os efectos para o rural lucense son devastadores. A maiores das liñas sinaladas -que xogan un papel chave na vertebración comarcal ou na conexión destas co capitalidade da provincia ou coa Coruña ou Santiago, destinos principais do estudantado da zona- sitúanse aqueloutras que achegaban ás diversas parroquias aos centros de servizos, situados maioritariamente na capital municipal. Só na rota Lugo-Fonsagrada por Baralla son 50 as parroquias excluídas do transporte público de viaxeiros. Perto de 40 na liña Lugo-Pastoriza, con núcleos como Muxa, Teixeiro, Rozas, Duarría, Bazar, Castro, Reigosa e Muimenta e servizos como a residencia de Castro de Ribeiras de Lea ou o HULA. E arredor de 50 no traxecto Ribadeo-Viveiro con poboacións como A Devesa, San Miguel de Reinante, Cangas de Foz, San Cibrao, Celeiro, centros de traballo como ALCOA San Cibrao e os portos de Burela e Celeiro e o Hospital da Costa, conectado por esta liña coa totalidade dos concellos da Mariña.

Os efectos para o rural lucense son devastadores

A Xunta de Galiza é a principal responsábel desta situación. Os intentos do goberno galego e dalgunhas das súas sucursais mediáticas de buscar as causas do problema na suposta “insolidariedade” dos operadoras de transporte de viaxeiros  por estrada non se sosteñen. A defensa do interese xeral correspóndelle aos poderes públicos e o que quebrou precisamente é un modelo de transporte de carácter concesional, rexido exclusivamente por criterios de mercado e con prácticas oligopolistas. O goberno galego, coa súa posición, está a deixar ver o seu escaso compromiso coa vertebración do País, cos dereitos dos cidadáns galegos, que a  administración debe garantir independentemente dos seus condicionantes económicos e xeográficos, e tamén cun modelo de trasporte sustentábel e que sitúe Galiza na dirección das sociedades máis desenvolvidas.