Lugo habilita zonas de xogo acaídas ao confinamento

Praza do Campo, en Lugo.

Colocaranse 60 puntos de xogo repartidos en 6 zonas distintas da cidade. Rubén Arroxo: “trátase de zonas de xogo pensadas para avanzar co paseo e non para deterse nelas”.

Ao longo dos vindeiros días a área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo habilitará zonas de xogo pintadas nas beirarrúas para as saídas das nenas e nenos. Segundo declarou o tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, “trátase de zonas de xogo en movemento, pensadas para xogar co avance do paseo, e non para deterse nelas”. O proxecto está deseñado e dirixido polo gabinete de psicoloxía e terapia familiar de Natalia García baixo o nome 'Tecendo Brincadeiras',

“Queremos que as nenas e nenos poidan gozar das saídas á rúa con xogos que poidan fluír cos paseos e eviten as masificacións”, afirmou Arroxo, que declarou que “estas zonas realizaranse en todos os barrios da cidade para que todas as nenas e nenos teñan a oportunidade de desfrutar de xogos na rúa nesta situación atípica”.

Os puntos comenzarán a se habilitar a partir desta cuarta feira e por toda a cidade, exceptuando a zona Pepri e aquelas onde o pavimento sexa de pedra por respecto ao patrimonio.

A área de Mobilidade e Infraestruturas canda o gabinete de psicoloxía e terapia familiar de Natalia García propoñen achegar espazos interactivos que permitan ás nenas e nenos gozar das saídas á rúa creando espazos lúdicos que permitan xogar en igualdade e sacar o máximo rendemento dos paseos no exterior.

Tecendo Brincadeiras propón xogos pensados para cubrir toda a poboación infantil, un primeiro grupo para idades entre dous e tres anos, e outro grupo de maior complexidade para motivar a nenas e nenos desde os cinco.