Lugo convértese no concello galego número 18 en se declarar 'libre de touradas'

Sen Touradas

O pleno municipal aprobou a moción de 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e Asociación Libera, que aplauden a aprobación da moción. A proposta contou con case 15.000 sinaturas de apoio en Change.org

O pleno do Concello de Lugo aprobou a moción da plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e da Asociación Animalista Libera para declarar o municipio 'libre de touradas', co compromiso de que o goberno non subsidiará ou apoiará esta clase de eventos.

A aprobación pon fin a unha campaña iniciada polos colectivos animalistas e abolicionistas que chegou a recoller perto de 15.000 sinaturas e contou cos votos positivos do propio PSOE e dos grupos municipais de Lugonovo, BNG e Alternativa Cidadá de Esquerdas, mentras que o Partido Popular e os dous edís de Ciudadanos abstivéronse, sumando 14 votos a favor e 11abstencións.

Deste xeito Lugo convertiuse no concello número 18 en sumarse a unha Galiza libre de touradas,. Ademáis das dezaoito localidades que sumaron a esta rede, as deputacións da Coruña e Pontevedra aprobaron a finais de 2015 sendas iniciativas para bloquear calquera subsidio ás touradas, convertíndose nos únicos entes provinciais que se manifestaron contrarias á tauromaquia no conxunto do estado español.