Lugo e A Coriña amencen con auga de fontes tinguida de vermello “como o sangue dos palestinos derramado por Israel”

Tamén se tinxiu de vermello a fonte dos Surfistas na Coruña, onde apareceu unha pintada de "Israel Asasino"

A Fonte dos Ranchos de Lugo amenceu hoxe coas augas tinguidas de vermello. Un cartaz colocado ao pé da fonte explicaba que “Hoxe a auga da fonte volveuse vermella como o sangue derramado de milleiros de palestinos por Israel Desde a Plataforma Lugo por Palestina indican que “aplaudimos a sorpresa coa que Lugo amence hoxe. Parece que cada día somos máis as persoas que pensamos que non podemos nin debemos ficar impasíbeis ante un xenocidio como o que está acontecendo sobre o pobo palestino”. A plataforma lembra que hoxe, , Día internacional de solidariedade co pobo palestino,  hai programada na praza da Mosqueira un acto a partir das 19:30.

Tamén amenceu coas súas augas tinguidas de vermello  fonte dos Surfistas, na Coruña, onde se realizou unha pintada de "Israel asasino".

A coruñesa fonte dos Surfistas tamén amenceu coas súas augas tinguidas de vermello (Foto: Coruña Antimilitarista)

Ao longo destas semanas decorre na Galiza diferentes actos de apoio e solidariedade con Palestina e de denuncia da política de Israel de "apartheid e colonialismo". Xa son sete as semanas de manifestacións e mobilizacións, tanto a nivel nacional como comarcal, que sumaron miles de persoas en apoio ao pobo palestino.

Esta pasada segunda feira en case unha trintena de localidades da Galiza volveu haber mobilizacións na rúa contra a intervención israelí en Gaza, convocadas por Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galego Árabe Jenin e Galiza por Palestina

A Galiza pediu ao unísono a fin do xenocidio, rachar con Israel e promover sancións contra o seu "réxime terrorista". "Cómpre que dunha vez por todas a UE e o Estado español presionen con todas as ferramentas ao seu alcance: desde a saída da OTAN até o recoñecemento unilateral do Estado palestino ou mesmo a suspensión temporal das relacións cos EUA", exemplificou Simón Ubeiro desde a praza Avelino Vicente da Guarda. "O Goberno do Estado chega tarde máis a Xunta nin sequera está", apupou Manuel Luaces desde Monforte, onde a comunidade musulmá volveu saír á rúa.