Lugo, afectada este sábado por unha calidade do aire moi mala por contaminación dunha fábrica

Mural na Rolda da Muralla de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A compañía Tableros Hispanos, de novo no albo.

A cidade de Lugo atópase afectada este sábado por unha calidade do aire moi mala debido á contaminación dunha fábrica situada en Nadela. Segundo a información deste sábado en Meteogalicia, esta calidade do aire moi mala localízase na estación emprazada na área de Vilar, ao sur das instalacións da empresa Tableros Hispanos. En concreto, débese ao contaminante PM2,5.

A modo de exemplo sobre este contaminante, un estudo recente de Ecoloxistas en Acción relacionaba o aumento de concentración de PM2,5 co incremento de ingresos hospitalarios na cidade de Madrid.

O ano pasado, a conselleira de Medio Ambiente do Goberno galego, Ángeles Vázquez, informaba no Parlamento de que se impuxeran tres sancións á citada compañía por incumprimentos da normativa en ruídos, xestión de residuos e verteduras na súa planta de Nadela, en Lugo.

E a deputada do BNG Olalla Rodil alertaba nese pleno parlamentario de que a situación é "insoportábel" para os veciños e veciñas de Nadela e urxía medidas á Xunta porque os niveis de calidade de aire en Nadela achéganse ao límite que estabelece a lexislación española —50 microgramos por metro cúbico— e dobran as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.