Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Luces e sombras da comunicación dos datos epidemiolóxicos na Era da Información

Daniel González peña foto: (UVigo)

Publicamos a seguir o extracto da análise do enxeñeiro informático e doutor pola Universidade de Vigo Daniel González Peña que fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo por 3 euros.

Unha retrospectiva, desde o punto dos datos e a información, dunha guerra que mudou as nosas vidas e da que se fai un ano. Os datos deberían ser periódicos, ben definidos, desagregados e formatos axeitados para a análise. A regra é simple: non debería haber ningún dato nun informe PDF público que non se poida derivar dun dato tamén dispoñible nun ficheiro CSV ou similar.

A Epidemioloxía é, segundo o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades estadounidense (CDC, Center for Diseases Control and Prevention), unha ciencia “dirixida polos datos”, logo os datos xogan un papel fundamental no combate que se está a librar dende o pasado marzo. En Epidemioloxía, o “paciente” é a poboación. Medir a temperatura ou a presión arterial deste paciente non é doado: hai que deseñar e levar a cabo unha ardua tarefa de mostraxe, recollida, curación e análise de datos, así coma unha axeitada presentación de resultados para obter conclusións correctas que permitan tomar decisións difíciles, mais certeiras. Nada de isto é de hoxe, a Epidemioloxía foi sempre unha ciencia dirixida polos datos, mais agora este evento epidemiolóxico global ocorre na denominada Era da Información.

Hoxe demandamos unha gran cantidade de información diaria, principalmente a través de Internet (sitios institucionais, diarios dixitais, redes sociais, entre outros). Tamén cando temos un problema de saúde. Antes e despois de consultar co noso médico, procuramos información pola nosa conta para interpretar o que nos di. Tanto para un paciente individual coma para a poboación, non valen xa recomendacións autoritarias, sen posibilidade de discusión, de reflexión ou de procurar segundas opinións. Todos queremos coñecer o noso nivel -e evolución- da nosa presión arterial antes de seguir a recomendación de reducir o consumo de sal. A transparencia é clave para que o paciente se adhira ás recomendacións. O nivel de comprensión da poboación xeral, se ben non é a dun epidemiólogo -un profesional con estudos de moitos anos, non “un médico de cabecera que hizo un cursillo [sic]”-, si que ten nocións básicas. Ao mellor non somos capaces de facer un contraste estatístico de hipóteses, pero xa nos soa a “incidencia acumulada”, non nos vale o dato puntual de infectados dun só día como dato relevante, e tamén sabemos que os contaxios de hoxe da cidade Vigo non se poden comparar directamente cos de Coles.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Daniel González Peña, enxeñeiro informático e doutor pola Universidade de Vigo.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.