Os datos do ''trienio negro'' de Jesús Vázquez: 145 unidades e 2.500 docentes menos na pública

Ás portas dun novo ano académico, na CIG-Ensino valoran os tres anos de lexislatura do PP concluíndo que ''non houbo nin unha soa medida que supuxese o máis mínimo avance''. Políticas contra a lingua propia, desobedecer as sentenzas que piden o cesamento de concertos con centros que segregan por sexos e unha concepción do ensino como "un negocio e un mecanismo de control ideolóxico" son as liñas que marcaron a folla de ruta da consellaría de Educación

O "autoritarismo" foi o sinal de identidade da actuación do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nos tres anos que durou a lexislatura do PP. Así o valorou Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino, nunha rolda de prensa emitida esta terza feira en que analizou o panorama con que arrinca o novo curso escolar, "completamente condicionado polos recortes e que vai evidenciar que a lexislación foi demoledora para o ensino".

Cos datos que se amosan nesta información riba da mesa, Louzao constatou que era Vázquez "o peor conselleiro da historia", ao impor unha folla de ruta que conduciu o ensino público galego polos vieiros da "mercantilización", do "clasismo" e do "elitismo" até colocalo "ao servizo dunha patronal vinculada a grandes grupos relixiosos e ao Opus Dei". Cualificou estes tres anos en que a dereita ocupou o goberno do país de "trienio negro", e vaticinou que, coa nova modalidade artellada para os centros públicos, haberá máis fracaso escolar e o alumnado que máis o necesita acabará expulsado do sistema educativo "a idades moi temperás".

Ao redor da situación da Galiza respecto doutros territorios do estado, dixo o secretario nacional da CIG-Ensino que o departamento que dirixe Jesús Vázquez foi "pioneiro" en moitos dos recortes aplicados, como a ampliación do horario lectivo, e non dubidou en cuestionar a credibilidade dun conselleiro que culpou do financiamento da segregación por sexos ao bipartito. "Quizais non lle falte parte de culpa ao goberno anterior por non se ter desfeito deses concertos dunha vez, mais quen os desenvolveu foi el, non o goberno anterior".

As políticas desenvolvidas contra a nosa lingua propia e a súa presenza no ensino; a dispoñibilidade da consellaría para "dilapidar", botando ao lixo os libros de texto polo simple feito de estaren escritos en galego; ou o incumprimento de sentenzas en relación á ditada recentemente polo Tribunal Supremo que rexeita os concertos con centros que segregan por sexos, son outras tres das cualidades que marcan o inicio deste novo ano académico en que "a conflitividade será o denominador común".

Haberá máis alumn@s por aula e partillarán espazo persoas que pertencen a distintos niveis académicos --lembramos a información publicada neste xornal a respecto dun centro de educación do rural, en Vilariño de Conso, onde o agrupamento irá dos 3 aos 12 anos, após suprimiren na Xunta a única praza de mestr@ de infantil--. Os números poñen tamén de manifesto a predilección da Xunta pola privada. Así, destínanse até 250 millóns ao ensino concertado e subvencionanse servizos que "na pública nin se ofertan", como auxiliares de conversa --204 mil euros-- ou a cobertura de necesidades educativas específicas --3 mil euros-- que se atenden en 66 centros. Para alén do anterior, reciben os concertados máis subvencións do programa Abalar, que Louzao cualificou como "fraude": 35% fronte ao 21%. No caso das axudas a centros plurilingües, o reparto queda no 25% fronte ao 7%.

As conquistas laborais conqueridas até o de agora para o profesorado tamén serán vulneradas. Os datos de CIG-Ensino falan de mil docentes menos nas escolas e, sumando os tres anos de lexislatura, a cifra elevaríase até superar os 2.500 postos de traballo suprimidos. Por tanto, ao entender da central nacionalista, o goberno do PP supuxo para o persoal de ensino "un Ere encuberto". Ao fío, referiuse Louzao tamén a Preescolar na casa, programa que a Xunta foi afogando até seccionalo, deixando na rúa 32 traballador@s --tres homes e 29 mulleres--.

Por último, colocamos as últimas cifras: 4 mil familias quedan sen praza para as crianzas e 4 mil alumn@s non poderán estudar o ciclo formativo escollido. Sen libros de texto gratuítos e unhas actividades extraescolares "das cales a consellaría se desentende", a volta á escola será até 300€ máis cara. Contra este debuxo dunha educación pública que agoniza, CIG-Ensino lembrou as concentracións que todas as quintas feiras de setembro se realizarán diante dos centros de ensino, e anunciou a mobilización nacional do día 8 en Compostela. Para concluír, Louzao foi taxativo: "Non houbo ningunha medida que supuxese nin o máis mínimo avance".