Berro conxunto do estudantado da Galiza, Euskadi e Països Cataláns contra os recortes e pola soberanía dos pobos

En rolda de prensa diante do Ministerio de Educación, representantes de organizacións estudantís dos tres territorios presentan o Día internacional de mobilización estudantil e loita, que celebrarán o 11 de outubro. Pola súa banda, na Coruña, os Comités convocan unha acción simbólica para rexeitaren a presenza de Feijóo, ''principal inimigo do ensino público'', na inauguración do curso académico, esta sexta feira

Colocaren "a opresión dun estado sobre as nacións que fan parte del" no centro do debate e comezar a artellar fórmulas de resposta conxuntas "contra os recortes na educación e en prol da soberanía dos pobos" é o obxectivo polo que organizacións estudantís da Galiza, Euskadi e Països Cataláns, mais tamén doutros territorios como Aragón, Cantabria ou Asturias, van estreitando lazos.

Segundo contou Antón Castro, voceiro da Liga estudantil galega, nesta terza feira representantes desta organización, con Agir, Ikasle Abertzaleak, Jaleo, Yesca, Regüelta, Darreu, Universidat e Sepc, foron dar unha rolda de prensa a Madrid, ás portas do Ministerio de Educación, desde onde fixeron un chamamento á mobilización. Do comunicado conxunto en que fan público o seu rexeitamento "ás reformas formuladas desde o goberno de Mariano Rajoy e especialmente aos recortes en educación elaborados polo ministro Wert", Castro quixo destacar xustamente a necesidade de retomar as relacións internacionais "e superar o marco de análise que se centra nos recortes".

Nesa liña, sinala o devandito documento que "desde cada un dos pobos aos que representamos propomos unha alternativa socialista e independentista, onde non sexa posíbel destruír fontes de riqueza colectiva como a educación. Non lles bastaba coa mala situación na que se atopan xa as linguas e culturas dos pobos, senón que agora buscan destruílas ata a súa desaparición recortando os orzamentos en educación e cultura".

"Aproveitaron a crise institucional e non perderon o tempo en tentar uniformar as nacións dentro do estado para que a súa estrutura, sempre tambaleante, poida seguir existindo". Lembran a loita contra o proceso de Boloña, "cando nos chamaban tolos e extremistas" por alertaren de que a educación pública camiñaba lixeira cara a privatización, e anuncian que desta volta darán "unha resposta conxunta".

Así, diante do Ministerio puxeron data á primeira acción que terá un berro común. Será o 11 de outubro, Día internacional de mobilización estudantil e loita, e haberá mobilizacións a nivel estatal e en cada un dos territorios.

Mobilización dos Comités: Feijóo, ''principal inimigo do ensino público'', inaugura o curso académico
Namentres, na Galiza, os Comités veñen de convocar a primeira concentración do novo ano académico universitario cadrando xustamente coa súa inauguración, acto en que estará presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Será na reitoría da Universidade da Coruña --sexta feira, 11.45h--, e ten por obxecto "amosar o rexeitamento do estudantatado galego ao recortes no ensino producidos nestes últimos anos polo PP", tal e como informou o responsábel da organizacións estudantil, Daniel Candal.

"Núñez Feijoo dará a benvida a un novo curso académico ao mesmo tempo que é o principal responsábel en Galiza do aumento das taxas universitarias, do afogamento económico do Sistema Universitario Galego e da aprobación dunha serie de medidas que supoñen un retroceso máis que signifcativo na calidade do ensino público", explicou Candal, quen anunciou que esta acción simbólica non será máis que o comezo dunha "importante" campaña contra os recortes do PP. O mesmo día, os Comités farán público un calendario de mobilizacións até novembro, nun inicio de curso que será "dos máis quentes dos últimos anos".