Caderno de Verán

Lora González, deseñadora: "Reivindicamos a nosa cultura do día a día"

Lora González e Noelia B. Rodriguez con algúns dos seus produtos (Foto: Noelia B. Rodríguez)
As dúas socias detrás da marca SalsaGaucha, Noelia B. Rodríguez e Lora González, traballan para manter o éxito da marca orixinal e lanzar unha nova en paralelo. Para as dúas enseñas, a que se fixo famosa a través de Fernando Simón e Boro.tm, teñen previsto sacar novos produtos ao mercado en setembro

Fixéronse coñecidas porque Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, puxo unha máscara súa. Como lle chegou?
Mandámoslla, como o fixemos con máis xente. Intentamos facer un pouco de publicidade a través de xente coa que tes certa empatía.

Quen está detrás da marca Salsa Gaucha?
Somos dúas rapazas: Noelia B. Rodríguez e Lora González. Eu comecei coa marca pero cando vin que había traballo falei coa miña amiga e montamos unha sociedade. 

Como se reparte o traballo dunha marca que está a ser tendencia nas redes?
Co tema da Covid-19 quedei no paro e comecei facendo máscaras para a xente que as precisaba pero enseguida vin que tiñan moita aceptación e facíanme encargos concretos que levaban moito tempo. Iso non é necesidade e pensei na idea, polo que contactei con Noelia. Ela fixo fotografía, estudou márketing e agora está con Administración de Empresas, e para min era mellor dedicarme á costura e ao bordado.

Levan pouco tempo...
Non, foi vernos sen traballo e tirar por isto. É o que nos gusta e non tiñamos nada que perder.

A fama chegou coas máscaras pero hai outros produtos na colección?
A verdade é que formulamos dúas liñas moi diferentes. Ao final o das máscaras é o de menos, si que facemos, e moitas, pero hai máis traballo que aínda non se viu detrás. Imos sacar unha liña de roupa con varias pezas e complementos para setembro.

Cal é a outra liña de traballo da que falaba?
Temos outra marca que se chama Boro.tm na que aínda non sacamos a roupa. Gústanos moito a patronaxe sinxela, as liñas que ten a roupa oriental e estamos a traballar tamén niso para facer unha pequena marca de slow fashion con materiais moi coidados. É un proxecto persoal que nos gustaría que saíse adiante.

Deseñan e crean no rural, fan reivindicación del?
Facemos toda a reivindicación. Queremos reivindicar a nosa cultura, pero non o típico, senón a do día a día, ao que lle chaman feísmo nós chamámoslle 'guapismo galego'. En Madrid non se entende un somier nunha finca, unha carreta...