Covid: Longas colas para vacinar as crianzas de 12 e 13 anos en Compostela

Menores acompañadas polas nais e pais agardan a quenda de vacinación na Cidade da Cultura. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Nais e pais queixáronse da pouca organización segundo o seu punto de vista. En calquera caso, a mocidade dixo estar contenta por poder volver a clase co tratamento fronte á Covid-19.

O Sergas iniciou hoxe, tal e como estaba previsto, a vacinación das e dos rapaces de 12 e 13 anos en todo o país. A xornada de mañá foi sen grandes incidencias máis aló das longas colas que tiveron que soportar proxenitores e crianzas en espazos de tratamento como a Cidade da Cultura.

Nesta zona de Compostela -entre outros puntos da xeografía galega- houbo bastante tempo de agarda para que a mocidade recibira a primeira picada. De feito, na Cidade da Cultura si se escoitaron críticas á organización polo dispositivo, porque había citadas perto de 5.000 menores o que implicou que as colas tardaran en desaparecer.

Estas chegaron até a zona de estacionamento, coas distancias de seguridade entre cada grupo de persoas (case todos acudiron acompañados de nais, pais ou titores legais).En todo caso, as e os rapaces amosábanse satisfeitos por poder ser tratados fronte ao coronavirus.

"É bo que nos vacinen antes de comezar as clases", asegurou a Europa Press un dos menores. Outra nena, acompañada do seu pai, recoñeceu que "ao principio dubidaba da vacina" pero agora entende a "necesidade" de que se vacine a toda a sociedade.

Menos axilidade

Pola súa banda, algúns proxenitores mostraron a súa desconformidade co protocolo aplicado para a primeira xornada. "Tivemos que cortar as nosas vacacións en Asturias para traer ao meu fillo para vacinarse", expresou unha nai, que, con todo, destacou que "o importante é que esta situación acábese canto antes".

"A vacinación de adultos foi moito máis rápida e ordenada que a dos nenos", destacou un pai que acompañaba á súa filla, quen tiña cita para as 10,16 horas e estimaba que non poderían marcharse do Gaiás "antes das 12 horas". Esa suposta escasa axilidade foi bastante criticada ao longo da mañá. Mesmo chegou ás redes sociais.

Nesta segunda feira, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, era optimista pola chegada da campaña aos alumnos dos colexios de cara ao inicio do próximo curso.

"A consellaría segue traballando en mellorar as condicións dos centros educativos da Galiza", asegurou.