Lola Varela: "Deixar en mans de internet a sexualidade da poboación adolescente é un perigo"

Alumnado de 2º da ESO do Xunqueira I de Pontevedra no obradoiro 'Aprender a querernos ben'. (Foto: Nós Diario).
As amizades e internet son as principais fontes de información sobre sexualidade para a poboación adolescente da Galiza. Así o revela un estudo realizado no IES A Xunqueira I de Pontevedra, que avisa da escasa formación afectivo-sexual percibida polo alumnado no ensino.

Após 12 anos, o IES A Xunqueira I de Pontevedra volveu convidar o seu alumando a responder unha enquisa sobre coñecementos e hábitos sexuais. "O estudo realizouse nun centro concreto pero os resultados pódense extrapolar. Dan conta de como está a mocidade hoxe en calquera outro centro de ensino público galego", asegura a Nós Diario Lola Varela, docente xubilada, directora do Xunqueira I durante varios anos e parte do equipo que deseñou e desenvolveu este estudo en 2021 entre 451 estudantes do instituto.

En 12 anos recoñece que o traballo que iniciou unha parte do profesorado hai dúas décadas, "procurando impartir nas aulas educación afectivo-sexual de maneira transversal, como podiamos, xa que non estaba nin está incluía no currículo" supuxo avances importantes.

"Hai unha liberdade maior para recoñecerse nas distintas identidades; para expresarse como unha é, como sente e como vive". Tamén admite un paso adiante por parte das "mozas" no coñecemento dos seus dereitos e na "vivencia deses dereitos e liberdades como mulleres".

Internet e a pornografía dan información, mais a maior parte das veces non é responsábel, nin axustada nin contrastada

Mais apegado a este avance, "hai un certo retroceso por parte dos mozos, que advirten unha perda de privilexios", alentado polo "negacionismo" da violencia de xénero que pregoa a ultradereita. Ese discurso calou na sociedade e deu o salto ás xeracións máis novas. "Hai 12 anos a mocidade non se enfrontaba nin negaba as agresións as reivindicacións do feminismo".

Un 7,5% do alumnado non ve a violencia machista como algo socialmente negativo e inaceptábel. Case un 13% confesou unha primeira relación sexual non consentida. O 6,4% considera que ter o consentimento da parella non é imprescindíbel. Un 13,8% das mozas e 4,2% dos mozos referiron ter sido obxecto de abuso sexual, mentres que 20,8% foi testemuña. Ademais, un 3,5% dixo ter recorrido algunha vez á prostitución.

Pornografía: información cómoda e anónima

Son, di o uroandrólogo Manuel Varela Salgado, promotor do estudo, cifras que deben facernos reflexionar a teor da idade mediana de quen as ofrece: 16 anos. "Cren que o fan o mellor posíbel pero as bases nas que sustentan a súa iniciativa sexual non son seguras e moitas veces non fiábeis", afirma. "Internet e a pornografía dan información, mais a maior parte das veces non é responsábel, nin axustada nin contrastada". 

Os modelos que ven son machistas, violentos e humillantes para as mulleres

Un 77,6% da mocidade enquisada acode ás amizades para saber de sexo; un 64,7% á  internet. Case 56% recorreu nalgún momento á pornografía, que comeza a ver, de media, aos 13 anos. "Deixar en mans de internet a sexualidade da poboación adolescente é un perigo. Non goza de sentido crítico nin de madurez suficiente para facer unha criba. En si, a pornografía non é mala, pero os modelos que ven son machistas, violentos e humillantes para as mulleres, na súa maioría", di Lola Varela, quen apunta consecuencias físicas e emocionais -desgarros anais e vaxinais, insatisfacción, disfuncións, perda de desexo- que urxe atallar.

Incrementar os coñecementos sexuais da xente moza require traballar máis desde as escolas, mellorar a formación dos docentes e favorecer unha educación sexual integral, contando coas familais e con apoio e formación especializada.