Falamos con Tereixa Paz e Xosé Carballido

Como loitar contra os lumes coa lei e co Banco de Terras

[Imaxe: O.O] Terreos queimados no lugar de Parada (Ponte Caldelas) após o incendio do domingo pasado

Tereixa Paz e Xosé Carballido son dous dos autores de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?, libro coordinado por Alberte Blanco e editado por Sermos Galiza. Conversamos con ela e con el para coñecermos as claves na loita contra os incendios.

Que a lexislación non é a axeitada para combater o lume vai evidenciándose co paso do tempo. Tereixa Paz, unha das autoras de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?, libro editado por Sermos Galiza, teno claro, “non é a lexislación acaída que ataque os principais problemas do monte, pois non aborda unha planificación do territorio, no sentido de ordenar o espazo forestal de maneira axeitada, nin as principais debilidades do monte, que son as que provocan os incendios”.

 

Tereixa Paz explica, en declaracións a Sermos, que a Xunta de Galiza non trata de maneira acaída “o fraccionamento da propiedade”, tendo en conta que o único instrumento que conta con apoio público para reordenar as propiedades son as SOFOR –Sociedades de Fomento Forestal–. Uns órganos cunha complicación derivada, sinala, da súa natureza mercantil. “O PP empéñase en penalizar outro tipo de figuras, como as UXFOR –Unidades de Xestión Forestal–, que son máis participativas e democráticas e que estaban dando resultados importantes”.

 

Tereixa Paz: "A lei non protexe o suficiente a superficie agraria e, en consecuencia, permite que moitas terras agrarias acaben forestadas"

 

A autora do capítulo “A lexislación forestal, un paso adiante e outro atrás”, pon de manifesto que a lei “non protexe o suficiente a superficie agraria” e, en consecuencia, “permite que moitas terras agrarias acaben forestadas, coa utilización, sobre todo, do eucalipto”. Ao seu entender, este é un dos problemas máis graves que ten o monte galego. Un problema que “non se resolve coa lexislación actual”.

 

Tereixa Paz aposta en blindar a superficie agraria para que non mude a forestal. E é que Galiza xa conta con 2 millóns de hectáreas de monte en relación aos 3 millóns de hectáreas de territorio. “Temos as dúas terceiras partes do monte e temos pouca superficie agraria útil”, afirma. Neste contexto, é partidaria de que a lei estabeleza restricións á hora de virar a superficie agraria a forestal. Aliás, salienta a necesidade de determinar os usos da terra, “que quede claro en cada parte do territorio cal é o seu uso e a que uso concreto hai que destinalo para evitar o monocultivo, que na costa é, fundamentalmente, de eucalipto, e no interior, é, fundamentalmente de piñeiro”.

 

Galiza xa conta con 2 millóns de hectáreas de monte en relación aos 3 millóns de hectáreas de territorio

 

Paz advirte dun “retroceso moi grande” na lexislación forestal a respeito do que se trataba facer na época do goberno bipartito: a protección das persoas, das propiedades e dos núcleos rurais. "O PP modificou a través da Lei de Montes a Lei de Prevención de Incendios en dúas cuestións fundamentais: reducir as distancias mínimas nas que hai que manter limpar as parcelas forestais e vixiar o cumprimento da normativa”, explica. “Ao reducir a distancia póñense en perigo os núcleos rurais e os incendios así o constatan, pois obrigan a desaloxar aldeas. Isto debería facernos reflexionar a respeito de como temos organizado o espazo”, engade.

 

“O PP tamén cambiou a lexislación da época do goberno bipartito eliminando a indicación que prohibía as masas discontinuas de máis de 50 hectáreas da mesma especie. Tratábase de evitar que pasase o que pasa, porque nunha masa continua de eucaliptos ou doutras especies faise difícil acabar co lume”, explica. De haber discontinuidade de especies, facilitaríase tanto a extinción dun incendio como a erradicación dunha praga.

 

Tereixa Paz tamén lamenta que o Partido Popular eliminase da Lei de Prevención a colaboración económica da Xunta de Galiza cos concellos para desenvolver medidas que contribuísen a manter os terreos limpos, tanto no caso de camiños ou pistas de titularidade municipal como particulares. “De aí que teñamos que ver imaxes, como as da pasada fin de semana, de xente atemorizada tratando de defender a súa vida, a súa casa e as súas explotacións”, advirte.

 

O que agocha Feijóo

 

A autora do libro de Sermos Galiza denuncia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “ trata de esconder unha problemática profunda con variedades complexas co termo terrorismo incendiario e homicida, cando na realidade, non digo que non haxa casos de incendios provocados premeditadamente para facer dano e con obxectivos escuros, mais os incendios están relacionados normalmente con causas máis simples”.

 

Tereixa Paz: "O bipartito creara unha especie de CSI forestal, para investigar a nova tipoloxía de lumes, que o PP suprimiu cando chegou á Xunta"

 

Tereixa Paz afirma que hai unha nova tipoloxía de incendios que “a Xunta non quere investigar” e que se comezaron a detectar entre 2005 e 2006. Son aqueles que afectan zonas periurbanas ou as infraestruturas e cuxa orixe é diferente, di, á dos incendios tradicionais que levan anos asolando o interior da Galiza. “En 2006 falabamos dun cambio de tipoloxía dos incendios e era a vez primeira que o lume afectaba de maneira tan masiva e intensa a franxa Atlántica. Nunca antes os houbera tan concentrados. Por iso, a raíz deste fenómeno, a Consellaría de Medio Rural –dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal– dedicou esforozos a investigalos”, explica. Para iso, a Xunta creara as BIIF, as Brigadas de Información e Investigación Forestal, “eran unha especie de CSI forestal, mais non tiveron máis percorrido porque o PP as suprimiu cando chegou á Xunta”.

 

O Banco de Terras, clave na loita contra o lume

 

Tamén é autor do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional Xosé Carballido, director xeral de Estruturas Agrarias no bipartito. Foi o encargado de desenvolver a lei que impulsaba o Banco de Terras, unha iniciativa que pode ser clave para combater o lume. Quen foi a man dereita de Suárez Canal subliña que “a parte do monte que xera riqueza e que produce non arde”. Partindo desta precisa, é obvio que o Banco de Terras, de promoverse, desenvolvería un papel fundamental.

 

Xosé Carballido: "O abandono da superficie agraria útil representa un dos perigos máis grandes que hai"

 

“O que estamos vendo este ano é que non só arde o monte, tamén o fai a superficie agraria que está pegada ás casas e na terríbel vaga de lumes da semana pasada comprobamos que as unidades dispoñíbeis só puideron defender as aldeas e non poden ir combater o lume no monte”, sinala Carballido, “a clave é o abandono da superficie agraria útil e isto representa un dos perigos máis grandes que hai, porque é superficie abandonada pegada ás casas”. Ao seu entender, podería contribuír a resolver este problema o Banco de Terras.

 

A iniciativa estrela da Consellaría do Medio Rural naquela altura permite poñer a terra en desuso en disposición das persoas que queren cultivar ou que demandan terreos para producir en base a pastos e non en base a pensos. “Hai unha demanda real de terra e este mecanismo público ten unhas garantías de devolución en bo estado de conservación ou de cobro da renda de alugueiro. A medida está aí, só hai que poñela en marcha”, afirma.

 

Na actualidade, a Xunta de Galiza mantén “na UCI” o Banco de Terras. “Só falta vontade política para o xestionar, mais a Consellaría de Medio Rural funciona só para a xestión do día a día, sen ter deseñada unha política clara”, conclúe.