A loita contra os 'macroeólicos' toma as rúas de Madrid

Protesta na porta do Sol de Madrid, este sábado (Foto: Monfero di non).
Máis de 180 asociacións e plataformas de todo o Estado, entre elas 15 galegas, responden a chamada de Aliente e levan a Madrid o seu berro contra o inzamento masivo de parques eólicos nas poboacións rurais.

Milleiros de persoas, convocadas por máis de 180 asociacións e plataformas cidadás de todo o Estado —unha quincena delas da Galiza—, percorreron na tarde deste sábado as rúas de Madrid para pedir un modelo enerxético "distribuído e xusto" e contra os proxectos de renovábeis "a grande escala".

Convocados pola plataforma Alianza Enerxía e Territorio (Aliente), amosaron a súa preocupación pola incidencia que teñen nos concellos rurais os grandes parques eólicos e polígonos fotovoltaicos, "onde o despoboamento constitúe un auténtico drama social, que se verá agravado coa invasión do territorio por un desenvolvemento industrial que non xera emprego no eido local e resta atractivo a novas iniciativas e proxectos de vida".

Baixo o lema "Renovábeis si, mais non así", as entidades que convocaron a protesta, que partiu da praza de Atocha e rematou na porta do Sol, salientaron a necesidade dunha transición enerxética "que poña por diante os beneficios para as persoas".

Tamén enviaron unha mensaxe ás Administracións implicadas na tramitación destes proxectos de enerxías renovábeis: "Precisamos un modelo enerxético cun enfoque científico, medioambiental e social para enfrontar o cambio climático".

Neste senso, propuxeron "unha transición cara a un modelo distribuído baseado no aforro, a eficiencia enerxética e o autoconsumo, rexeitando o modelo centralizado de renovábeis a grande escala, sen planificación nin ordenación territorial, e sen participación cidadá".

A respecto da convocatoria, Aliente salientou o seu "éxito": "Estamos sen palabras, milleiros de persoas de todos os territorios enchen Madrid. A manifestación supera todas as expectativas".

O Miteco, "consciente" do impacto das renovábeis

Fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) aseguraron este sábado ser "conscientes" de que até as enerxías máis limpas e sostíbeis "teñen impactos visuais, acústicos e espaciais, e requiren infraestruturas para levar a enerxía desde onde se produce até onde se consume".

Para paliar estes efectos, o Ministerio afirma estar a traballar nun modelo enerxético máis xusto, promovendo o autoconsumo e as comunidades enerxéticas locais. "Porén, non podemos prescindir totalmente dos beneficios e eficiencias dos proxectos de maior escala, que permiten aproveitar o recurso renovábel onde é máis abundante", dixeron.

Sexa como for, desde o Miteco defenden que "só se autorizan proxectos respectuosos co medio e sempre se incorporan as medidas correctoras precisas".