Adega acorda na súa Asemblea Xeral as súas liñas chave: "Loita contra os eólicos e os eucaliptos"

Imaxe da 47ª Asemblea Xeral de Adega (Foto: Adega).
As persoas socias de Adega determinaron “manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica”, ás portas da que será a “maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais”.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) organizou o pasado sábado, 15 de abril, a súa 47ª Asemblea Xeral de socias e socios, na cal fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano 2022 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización para  este 2023.

As persoas socias de Adega determinaron “manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica, ás portas da que será a “maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais”. Adega traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética.

Outra das liñas estratéxicas confirmadas pasa pola custodia do monte e a “afronta contra a masiva eucaliptización. Socias e socios acordaron prestar especial atención ás plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciará proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego.

Os residuos e a economía circular é a terceira e últimas das liñas acordada na asemblea xeral. Promover unha campaña activa contra o modelo Sogama e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta de Adega en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido están entre os obxectivos prioritarios neste sentido.

As sociais determinaron, igualmente, fomentar e mellorar as relacións institucionais par ao emprendemento de proxectos conxuntos.

Propostas de resolución aprobadas

Así mesmo, as persoas sociais presentes na asemblea aprobaron un total de catro propostas de resolución, entre elas, o apoio á folga estudantil convocada por Erguer. Estudantes da Galiza para este 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización.

En materia eólica, Adega acordou manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non. Neste sentido, a asociación ambientalista urxe o pobo galego a que o vindeiro sábado, 23 de abril acuda a San Caetano, en Santiago de Compostela, para rodear o edificio da Xunta e exixir o rexeitamento de novas autorizacións de proxectos eólicos mentres non haxa unha planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo.

Adega dedicou outra das súas propostas a Ence, unha das industrias máis lesivas para o futuro do país e cuxa decisión do Tribunal Supremo de darlle continuidade na Ría de Pontevedra responde a unha inmoralidade manifesta que perpetúa a inxustiza. É por iso que a asociación deixou constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que "non deixarán de loitar para que Ence marche da ría".

Por outra parte, con vistas ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, Adega insta a todas as formacións candidatas a “gobernar os concellos galegos a que poñan no centro políticas locais que nos permitan enfrontarnos como pobo aos retos da actual emerxencia ambiental, con especial atención á conservación da biodiversidade, dos recursos naturais e do patrimonio cultural”.

Xunta directiva

Nesta asemblea tamén se decidiu a directiva para os dous vindeiros anos, encabezada de novo polo biólogo lugués Roi Cuba Dorado. Verónica Torrijos seguirá ocupando a vicepresidencia e María R. Lafuente a vicesecretaría xeral. Froilán Pallín mantense na secretaría xeral e Xan Louzao na tesourería.

Como novidades, para os próximos dous anos reduciuse o número de membros da Xunta Directiva e incorporáronse Miguel Varela e Xandro García como vogais da Comisión Permanente, Xosé Manuel Romero e Marco A. Coímbra como vogais da Xunta Directiva e Sole Felloza como vogal de Patrimonio Cultural.