A loita da Long Hope arriba esta semana a Estrasburgo

Alberto Paz, da Plataforma Long Hope. Abaixo, xunto a Manuel Otero, na Delegación do Goberno, na presentación de 304.000 firmas de apoio hai dúas semanas na Coruña.
Os mariñeiros galegos reunidos na plataforma Long Hope presentan esta semana no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos a súa demanda contra Noruega por discriminación laboral. Esixen ao Estado escandinavo o pago dunha pensión polas cantidades retidas mentres desenvolveron naquel país o seu traballo entre as décadas dos sesenta e os oitenta.

A Long Hope dos mariñeiros galegos chega por fin a Estrasburgo. Unha loita de anos pola reparación do trato inxusto a un fato de xornaleiros do mar que andaran embarcados en buques de patrón noruegués durante décadas, hoxe xa xubilados, cada vez máis entrados en anos mais sen ter perdido un gramo da determinación que se esixe para saír ao mar ou para emigrar. Long Hope non é o nome dun barco, pero podía selo. Os mariñeiros xuntáronse nunha plataforma reivindicativa que puxo rumbo ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos porque sabían que era o único lugar onde a xustiza prestaría atención a súa demanda. En Noruega, non; nin o Estado noruegués nin a xustiza norueguesa en concreto fixeron outra cousa que marealos.

A demanda é sinxela. Os mariñeiros estaban suxeitos á lexislación laboral norueguesa en todo, mais non podían cotizar á Seguridade Social, para facelo e gozar das prestacións correspondentes, debía ter residencia no país. Noruega, que viñera reclamar persoal, e o Estado español asinaron un convenio en 1963 polo que eses traballadores pasaron a tributar naquel país. “Retíñannos parte do salario, como a calquera noruegués, pero non tiñamos os mesmos dereitos. Entre outras cousas, a unha paga de retiro polos impostos que pagamos naqueles anos, como calquera noruegués…”, subliña Alberto Paz, que traballou 15 anos para armadores noruegueses até mediados dos oitenta e agora é o portavoz de Long Hope e pasou o último lustro viaxando e entrevistándose con embaixadoras, ministros, deputadas, avogados e activistas polos dereitos civís. Reclaman a Noruega o pago dunha pensión. 

A demanda está asinada por algo máis de douscentos ex traballadores, a maioría galegos, pero afecta a máis de 3.000 en todo o Estado. O caso presentarase como unha vulneración do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, e doutras convencións internacionais e nacionais, por diferenza de trato discriminatoria por razón de nacionalidade.
 
“Por fin chegamos a Estrasburgo, e por fin temos o compromiso do Estado español de que se vai presentar como parte. Cando menos esa foi a promesa do Ministerio de Asuntos Exteriores”, conta Paz.

A parte máis difícil da travesía recorrérona estes últimos dous anos, desde que a comezos do 2017 iniciaron o periplo xudicial en Noruega porque estaban na obriga de esgotar todas as vías naquel país antes de apelar a Estrasburgo. Os avogados xa dirixiron a estratexia de defensa encamiñada a esta meta. En xuño pasado o Tribunal Supremo noruegués rexeitou a demanda no último trámite. Despois, puxeron o caso en mans de Marius Reikeros, avogado noruegués “que xa ten gañado casos contra Noruega en Estrasburgo”, explica Alberto Paz, “como un recente relativo á lexislación de menores daquel país que mesmo provocou manifestacións en corenta cidades de 17 países en tres continentes”. Paz lembra que Noruega ten 26 causas abertas en Estrasburgo, máis non se confía porque sabe que ese Estado “sempre defendeu o seu, e non se anda polas ramas, utiliza todos os seus recursos, e a nós mesmo intentou humillarnos”.

Reikeros estivo este mes na Galiza para ultimar a demanda. A presentación en Estrasburgo é inminente. Despois, o tribunal dispón de 6 meses para decidir se a admite a trámite. O avogado xogará a baza da idade avanzada dos demandantes para obter preferencia. Os gobernos noruegués e español manteñen reunións en paralelo. “Nós seguiremos adiante. É o paso final. Chegamos ao porto, fluvial neste caso, despois de atravesar o terríbel Mar do Norte”, di Paz, e comenta un precedente que lles dá esperanza: unha sentenza do mesmo tribunal no 2013 que condenou a Noruega a indemnizar con 400.000 dólares por cabeza a un colectivo de buzos, ingleses e escoceses a maioría, que traballaran no Mar do Norte. Mais, insiste, “os noruegueses son moi duros e son ricos. Os nosos amigos alá contáronos como o Estado fai relacións públicas, o Consello de Europa recibiu unha doación de 600.000 euros despois dun discurso do rei deles alí. Agora dinnos que anda un fondo de inversión estatal investindo en débeda española, sería unha forma sutil de meter presión”. Pasaran aínda entre dous ou tres anos esperando a ter unha sentencia de Estrasburgo.