A loita contra a avespa asiática en San Sadurniño, referente para Xapón e Austria

Exemplar de vespa asiática [Imaxes Concello de San Sadurniño]

As autoridades de Tokyo e Salzburgo solicitaron un vídeo realizado polo concello xunto coa Asociación Galega de Apicultura (AGA).  VÍDEO NO INTERIOR.

Os procedementos empregados desde a Asociación Galega de Apicultura (AGA) e a poboación local de San Sadurniño no combate contra a avespa asiática tornouse en referente para as autoridades de Tokyo e Salzburgo. Ambas as dúas localidades solicitaron o uso dun vídeo realizado por César Galdo(Entremedias Imaxe e comunicación) e producido polo propio goberno e AGA. 

Cada nido pode conter por volta de 1.800 avespas adultas e criar entre 12 mil e 15 mil novos exemplares

A vídeo-reportaxe, que conta con máis de 30 mil reproducións en Youtube, aborda a problemática da avespa asiática ou velutina como unha ameaza medioambiental e amosa a retirada dos niños por parte da propia comunidade apícola, toda vez que a empresa contratada pola Xunta de Galiza para despregar o protocolo, Tragsa, non está a dar os resultados agardados. 

Así, a cámara acompaña Manuel Ferreira, delegado de AGA-Eume, e Xabier Díaz (apicultor) na retirada dun niño en Naraío e na colocación dunha das trampas caseiras construídas con apenas dúas botellas de plástico, viño branco e cervexa (preferibelmente negra). 

No vídeo advirten da importancia de que a retirada dos niños de avespa asiática (a única maneira de rematar con elas) se desenvolva de noite, cando os exemplares se atopan no interior e con medios apropiados para evitar as consecuencias dun ataque. E é que, segundo sinalan, algunhas avespas teñen revivido 15 horas despois de seren fumigadas con insecticida. 

Na actualidade, o norte e sur da Galiza atópase atinxido por esta praga que constitúe unha ameaza para as abellas autóctonas (principal alimento da velutina). Cada nido pode conter por volta de 1.800 avespas adultas e criar entre 12 mil e 15 mil novos exemplares.