Galiza e Euskadi, a loita (desigual) contra a avespa asiática

[Imaxes Concello de San Sadurniño]

As administracións galega e vasca están a combater a praga de velutina que se introduciu, respectivamente, desde Portugal e Francia. Porén, as medidas desenvolvidas e a coordinación administrativa é ben diferente en cada caso. 

 

Esta cuarta feira a Xunta de Galiza fechou a porta aos concellos e sectores para alén do apícola nunha xuntanza na que se ía abordar a praga da avespa asiática. O encontro fora solicitado pola plataforma constituída en San Sadurniño arredor desta especie e formalizada através da Asociación Galega de Apicultura, embora abranguer até 40 concellos e representantes de sectores como o madeireiro ou o hortofrotícola. 

Perante a decisión do goberno galego desde a plataforma aseguraron que "malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar gañando as avespas". 

Neste senso, desde as propias asociacións apícolas veñen reclamando un maior ordenamento das accións que se están a desenvolver para combater a proliferación da velutina e exixen "planificación", "coordenación" e "avaliación" das medidas. E é que, "hai unha descoordenación total", sinalaba en conversa con Sermos Galiza Manuel Rodríguez, apicultor de Ortigueira e delegado territorial de AGA na reportaxe publicada no nº167 do semanario en papel

Manuel Rodríguez (AGA): "Hai unha descoordenación total"

"Teño o protocolo basco e o galego e en Euskadi usan unha aplicación informática que coordena concellos, policía, Garda Civil... Toman coordenadas de localización dos niños e altura para determinar os medios que son precisos, mais aquí non hai información por parte da Xunta nen sequera dos que son retirados por apicultores, non se coordenan as trampas..."

O 'método basco'

Euskadi convive coa avespa asiática desde 2010 mentres que na Galiza non se rexistraron os primeiros exemplares até dous anos despois. Após un ano da chegada da velutina o goberno basco tiña constituída unha Mesa de Seguimento do insecto na que están representadas as deputacións forais, o sector apícola e Neiker, un centro público para a investigación agraria dependente do executivo que conta con centros en Arkaute (Áraba) e Derio (Bizkaia). 

Arredor destes tres axentes constituídos en mesa sectorial o goberno basco desenvolveu un protocolo para a destrución de niños mais tamén programas de investigación que, através de Neiker, ensaian coa eficacia de determinados biocidas que xa foron usados, por exemplo, en Chile. 

Até o momento, na Galiza non existe ningún órgao público que desenvolva estas tarefas, embora esta ser unha das principais demandas da plataforma. En troca, colectivos sociais como a Casa do Mel de As Pontes, están a dar pasos para constituír grupos de investigación por conta propia. Unha iniciativa "á desesperada" e "con medios moi limitados", sinala Manuel Ferreira o seu presidente, que visa reaxir perante a inacción gobernamental. 

A Casa do Mel planexa pór en andamento un grupo de investigación propio "á desesperada" perante a inacción gobernamental

Mais as diferenzas entre ambas as dúas nacións non fican aí. Desde a Galiza as asociacións apícolas denuncian que a retirada dos niños por parte de Tragsalec, a entidade encargada deste labor, non se está a desenvolver de maneira acaída. E é que "tarda entre 20 días e un mes" en destruílos e "faino cos máis doados" e "durante a xornada laboral" do seu cadro de persoal que non coincide coa estancia da raíña no interior, o que non impide a súa reubicación noutro lugar. "Hai que sacar o niño de noite, senón ao día seguinte van estar a facer outro", apunta Ferreira desde a Casa do Mel. 

Protocolo e tecnoloxía

Cunha ollada aos portais web da Xunta de Galiza e do Goberno basco chega para achar as diferenzas na implementación dos protocolos de destrución dos niños. Para comezar porque o material on-line editado desde Medio Rural está centrado na "captura" de raíñas através do trampeo (comercial ou artesán). 

En troca, o departamento de medio ambiente e política territorial describe o procedemento a seguir desde que se detecta un posíbel niño de velutina até que se procede á súa retirada. Através dun fluxograma operativo coordínanse os axentes implicados en función do espazo no que se atope localizado o obxecto. Neste senso, após a chamada ao 112 --en troca do 012 galego-- iníciase o protocolo que emana directamente dos concellos. Despois e de acordo coa área da que se trate (rural ou urbana) actuará a Garda ou os Bombeiros, axudados de ser preciso por apicultores, cazadores ou persoal municipal. 

Durante o proceso de destrución dos niños (sufragado con 45 mil euros do executivo basco) desenvólvese a recollida dos dados que son remitidos ao Centro Neiker através dunha aplicación informática coa que se elabora un mapa de distribución en liña. Outra das demandas de AGA á Xunta de Galiza. "Temos moitos medios", sinala Manuel Rodríguez, "hai que organizalos e dirixilos".