Localizan en Terra de Montes unha poboación galega dunha planta en perigo de extinción

'Lycopodiella inundata'. (Foto: Colectivo do Vento)
Na área proxéctanse cinco marcropolígonos eólicos

Os montes de Cábado e Montouto, entre os concellos de Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada e Cerdedo Cotobade acollen poboación máis grande de Lycopodiella inundata de toda a Galiza, segundo confirmou o biólogo e botánico Martiño-Fiz López Lindoso, logo de que o bombeiro forestal Manuel Abalo fixera o achado. "Que teña aparecido esta gran poboación é unha gran nova para a biodiversidade galega", declarou Abalo.

Trátase dun fento de pequeno tamaño en perigo de extinción que vive en turbeiras e pantanos, as chamadas "brañas", que son Humidais protexidos pola Directiva Hábitat da Comunidade Europea.

Este hábitat, segundo trasladaron desde o Colectivo do Vento, unha asociación ambiental veciñal de Campo Lameiro, é moi sensíbel á degradación pola apertura de pistas que poden drenalas así como outras transformacións que ocasionan que a planta en cuestión estea clasificada como En perigo de extinción na Galiza segundo consta no Catálogo galego de especies ameazadas.

Na Galiza atópase un dos extremos da área de distribución da Lycopodiella inundata nas zonas frías e temperado-frías do hemisferio norte e, polo tanto, "está en primeira liña do problema do aumento das temperaturas polo cambio climático". "Atopámola moi localizada en moi escasos puntos do país caracterizados polo seu asolagamento temporal", afirman desde Colectivo do Vento. 

Desenvolvemento eólico

Este "importante descubrimento" será notificado á Consellaría de Medio Ambiente "coa intención de poder protexer esta planta en perigo de extinción do desenvolvemento eólico proposto na zona". "Hai cinco grandes polígonos eólicos proxectados xusto onde está esta importante poboación", recalcaron desde o colectivo.