Localizan o corpo sen vida do piragüista desaparecido mentres adestraba no río Lérez

Labores de busca no río Lérez. (Foto: Europa Press)
José Manuel Penas desaparecera o pasado 28 de outubro en Pontevedra.

Os servizos de emerxencia que participaban nos labores de busca de José Manuel Penas, piragüista desaparecido a pasada semana mentres adestraba no tramo urbano do río Lérez en Pontevedra, localizaron a primeira hora desta terza feira o seu cadáver.

Poucos minutos despois de retomar o dispositivo no Lérez, o palista foi atopado á altura da avenida de Marín. Segundo notificaron fontes da Garda Civil a Europa Press, o corpo emerxeu despois de varios días afundido, facilitando o seu achado.

José Manuel Penas, cuxa piragua foi recuperada polos bombeiros horas despois da súa desaparición, estaba vinculado ao Club Naval de Pontevedra e era irmán da ex piragüista olímpica Ana Penas.

Ponse así fin a un dispositivo de busca activo desde que o pasado 28 de outubro Penas desaparecera arrastrado pola corrente mentres practicaba coa súa piragua. Foi un particular o que alertou os servizos de emerxencia, após ver o palista afundir.

 

Até o de agora, as tarefas centráranse na zona do río que vai desde a Ponte das Correntes até a gasolineira do Burgo, aínda que o radio de busca foise ampliando co paso dos días para intentar atopalo.

Dificultade da busca

No dispositivo de busca colaboraron mergulladores do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil, Salvamento Marítimo e membros dos bombeiros e da Policía Local de Pontevedra.

Durante os días que duraron os labores para atopar o piragüista, os dispositivos tiveron que facer fronte á turbidez da auga, froito das intensas precipitacións que se deron nos últimos días na zona do río Lérez.