Localizan nunha zona pantanosa o corpo sen vida do octoxenario desaparecido en Ponteceso

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
O home saíu da casa na tarde desta quinta feira e non regresou, polo que se activou un operativo de busca.

O octoxenario desaparecido desde esta quinta feira no municipio bergantiñán de Ponteceso foi localizado sen vida na mañá desta sexta. Segundo vén de informar a central de emerxencias do 112-Galiza, ao fío das 12 horas de hoxe os servizos de emerxencia desprazados informaban da localización do corpo sen vida do home nunha zona pantanosa a un quilómetro, aproximadamente, do seu domicilio.

Foi un familiar quen, pasados dez minutos das 17 horas da tarde, chamou ao 112 para dar conta da situación e solicitar medios de intervención que puidesen colaborar na procura. Segundo precisaba, o home saíra da casa unhas horas antes e non volvera ao domicilio.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112-Galiza trasladaron esta situación ás forzas da orde, que puxeron en marcha un operativo de busca que agora vén de concluír.

Así, a partir de aí, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil, dos membros do GES de Ponteceso, dos axentes da Policía Local e dos integrantes de Protección Civil. Ademais, a este operativo tamén se sumou a Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).