Buscan unha menor desaparecida en Ferrol, Thais Fernández, de 15 anos

Thais Fernández, a menor desaparecida en Ferrol. (Foto: SOS Desaparecidos)
O 112 activou tamén un operativo de procura con drons para dar co paradoiro dun home de avanzada idade desaparecido en Ponteceso.

Unha menor de 15 anos, Thais Fernández Rivera, está desaparecida en Ferrol desde a pasada quinta feira, 25 de xaneiro, segundo vén de alertar a Asociación SOS Desaparecidos. A adolescente mide 1,5 metros de altura, é de complexión delgada e ten o cabelo negro e longo, especifica na información facilitada aos medios.

Para calquera dato a asociación dispón, ademais, os números de teléfonos 649 952 957 e 644 712 806, ademais do contacto por correo electrónico info@sosdesaparecidos.es. Tamén se pode contactar con efectivos policiais para achegar información que poida axudar a dar co seu paradoiro.

Buscan con drons un home maior desaparecido en Ponteceso

Por outra parte, o equipo de apoio loxístico da central de emerxencias do 112-Galiza está a buscar con drons un home de avanzada idade que desapareceu no municipio coruñés de Ponteceso esta quinta feira, día 1.

As e os familiares do home botárono en falta durante a mañá da quinta e a partir das 12.30 horas arrincou ou operativo de procura, que se centra na parroquia do Couto. No dispositivo participan tamén a Garda Civil, o GES de Ponteceso e Protección Civil.